22 de marzo – Día Mundial da Auga
A cidade das augas celebra este día con actividades abertas para coñecer mellor este elemento, central en Ourense. Cata de aguas, xogos e obradoiros, horario ampliado nas Burgas e un divertido roteiro interpretado polas marxes termais do Miño
O 22 de marzo é o día elixido pola Organización das Nacións Unidas para lembrar a importancia da auga coma un recurso esencial para a vida. Ourense, capital termal de Galicia, cidade de fontes e ríos, súmase cada ano a esta celebración, con actividades deseñadas para achegarnos ao marabilloso mundo das augas. Neste 2018 o programa inclúe unha cata de aguas minerais na ETAP das Coiñás (o día 20 de 12.00 a 14.00 h) e unha carpa con xogos e obradoiros ao redor deste líquido elemento, instalada na Praza Maior o propio xoves 22 de 9.00 a 14.00 horas.
A partir do día 22 e ata o sábado 24 de marzo a Piscina termal das Burgas, de acceso gratuíto, amplía os seus horarios, de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 23.00 horas. Aproveitade esta oportunidade, porque poucas cousas hai tan pracenteiras en Ourense como darse un baño termal pola noite. Ademáis, na noite do 22 poderedes ver a Ponte Vella iluminada en azul como homenaxe a esta data.
O domingo día 25 desde Turismo de Ourense organnizamos unha andaina moi especial para coñecer todos os segredos da Ruta Termal do Miño, os 6 kilómetros de sendas peonís ao pé do río que percorren algúns das principais zonas termais da cidade. Ao redor das augas é un roteiro-andaina deseñado especialmente para celebrar o Día Mundial da Auga, unha actividade coa que teremos a oportunidade de mergullarnos de cheo no Ourense termal, descubrindo cos cinco sentidos os elementos culturais, enográficos e naturais vencellados a el. Trátase dunha actividade para nenos e nenas de 0 a 99 anos, aberta e gratuíta. Con saída o domingo 25 ás 10.00 horas na Ponte Vella, a andaina segue o percorrido da ruta infantil “Descubre Ourense con Martiño: o río e as termas“, desde as pontes sobre o Miño ata A Chavasqueira, a fonte do Tinteiro, Muiño da Veiga e Outariz.
Para participar na andaina roteiro so é preciso que realicedes inscrición previa cun simple correo electrónico a turismo@ourense.es antes do día 22. Na oficina municipal de turismo estaremos encantados de darvos máis información e atender as vosas dúbidas. Lembrade que é unha andaina de seis kilómetros, polo que é recomendable que empreguedes calzado cómodo e roupa acorde co tempo (cun bo chuvasqueiro se chove), ademáis de auga e un petisco para comer a media mañá. E non esquezades traer prismáticos e cámara de fotos! O río Miño está cheo de segredos por descubrir!
Vide celebrar con nós o Día Mundial da Auga gozando dun baño nocturno na Piscina termal das Burgas, ou participando no roteiro termal do día 25: 6 kilómetros para descubrir os segredos do río Miño e os seus mananciais mineromedicinais!