Ano Europeo do Patrimonio Cultural

Compartir

  • 1 Arte e patrimonio
  • 1 Termalismo
As Burgas
  • 2 Arte e patrimonio
Centro Histórico
  • 3 Arte e patrimonio
Antigo Pazo Episcopal
  • 4 Arte e patrimonio
Museo Arqueolóxico Provincial
  • 5 Arte e patrimonio
Pazo de Oca Valladares (Liceo)
  • 6 Arte e patrimonio
Catedral de San Martiño
  • 7 Arte e patrimonio
Cemiterio de San Francisco
  • 8 Arte e patrimonio
Claustro de San Francisco
  • 9 Arte e patrimonio
Igrexa dos Franciscanos
  • 10 Arte e patrimonio
Ponte Vella

Foi o último en conseguir recoñecemento BIC, en 2007, da man dun decreto que sinala como «o conxunto termal das Burgas, os seus mananciais e solar onde se sitúan constitúen un elemento único e representativo directamente relacionado coas orixes da cidade, conformando o núcleo habitacional orixinario». Un elemento diferenciador, ligado á historia de Ourense e á súa identidade colectiva, o Ourense termal por definición.

En 1975 recoñécese ao Ourense monumental, na súa totalidade, como «conxunto histórico- artístico», entendido como «unha pequena cidade», onde os grandes monumentos conviven con outros espazos singulares pero menos coñecidos: a Casa dos Temes, o Cárcere da Coroa, a Casa dos Boán… A súa declaración buscaba «preservar os seus valores de reformas e innovacións que puidese prexudicalos»,  algo de especial relevancia nun momento, os anos 70, de grandes transformacións urbanas na cidade.

En 1931, co gallo de «protexer, conservar e acrecentar o Tesouro Artístico Nacional», o goberno da República realiza unha ampla declaración de monumentos históricos e artísticos por todo o país. No caso de Ourense, incluirá a Catedral e o Antigo Pazo Episcopal, que por entón aínda funcionaba como tal. Outros lugares da provincia que gozaron da mesma sorte foron os mosteiros de Celanova e Melón ou as igrexas de Santa Eufemia de Ambía  e Santa Mariña de Augas Santas.

Nos anos 50 o antigo Pazo Episcopal convértese en sede do Museo Arqueolóxico Provincial, feito que motiva un novo recoñecemento para este edificio, esta vez co foco posto nos bens que atesoura. A nova declaración chega en 1962 da man dun decreto xenérico que eleva os museos de España á categoría de «Patrimonio Histórico-Artístico» por «conservar valiosas coleccións de notable interese artístico, histórico, arqueolóxico e etnolóxico.»

Recoñecido como BIC en 2002, o antigo pazo dos Oca-Valladares é un magnífico exemplo de elemento que combina patrimonio material e inmaterial. Xoia da arquitectura renacentista do século XVI, identificable en elementos como a súa fachada ou o patio de columnas, desde o século XIX é a sede do Liceo, a sociedade cultural máis antiga da cidade, con ilustres membros como Curros Enríquez ou Carlos Casares.

O devandito decreto de 1931 incluíu como elementos que protexer todas as catedrais de España, incluída a de Ourense. Razóns non faltan:  exemplo de transición entre os estilos románico e gótico, contén espazos e elementos de gran fermosura e maxestosidade, coma o Pórtico do Paraíso, a Capela Maior ou o seu inconcluso claustro gótico, por non falar dos tesouros que custodia, incluíndo o Misal Auriense, posiblemente o máis antigo libro impreso en Galicia que se conserva.

O decreto do ano 2000 deu resposta a unha longa demanda da Asociación de Amigos do Cemiterio de San Francisco, entre cuxos membros estaba o poeta José Ángel Valente, por ver este espazo recoñecido e protexido para o futuro. Este camposanto de aires góticos e románticos non só ten valor como monumento, senón tamén pola importante nónima de intelectuais e artistas que aquí descasan.

 

Xunto ao cemiterio atópase o claustro, ambos os dous parte do antigo convento franciscano.  Foi o primeiro elemento deste conxunto en conseguir a declaración de monumento histórico-artístico, en 1923. Hoxe é visitable, gozando do magnífico conxunto que forman as súas columnas coroadas por capiteis, conservados en virtude dun decreto que estipulaba que «non poderá procederse, baixo ningún concepto, á súa derriba, nin total nin parcial».

Peor sorte correu a igrexa do convento, que en 1929 se trasladou á súa localización actual, no Parque de San Lázaro. O feito non impediu que en 1951 sexa declarada monumento histórico-artístico, nun texto que destaca que «a súa fábrica é do máis puro estilo gótico do XIV: as súas ábsidas teñen atrevidas e esveltas bóvedas nervadas construídas en granito, e están iluminadas por altas e elegantes xanelas».

A Ponte Vella, Ponte Maior ou Ponte Romana foi declarada monumento histórico-artístico en 1961. O decreto descríbea como «unha das máis monumentais, antigas e fermosas de Europa», razón que xustificaría «a súa escolla para o brasón da capital e a provincia de Ourense».

Forma un único conxunto coa capela anexa, o Santuario da Nosa Señora dos Remedios,  que segundo o texto data de 1522. En 2014 foi restaurada, despois dun devastador incendio.