Complexo Cultural de San Francisco
Ao redor do antigo convento de San Francisco fóronse levantando espazos onde a cultura é o seu nexo común.
No século XIV un suceso cambia a fisonomía da cidade: os franciscanos deciden reedificar o seu convento co seu claustro e igrexa na ladeira de Montealegre. Converteuse nun elemento identificador da cidade.
No século XIX foron os monxes os que cederon parte da súa leira para un novo cemiterio. Pero ao pouco iniciouse a exclaustración e o espazo sufriu profundas modificacións tanto na súa estrutura (traslado da igrexa), como na súa función (cuartel militar). Mentres, o cemiterio converteuse no principal da cidade e moitos renomeados escritores teñen aquí a súa última morada.
Transformación nun gran espazo cultural
Unha vez que deixa ser un cuartel, aos poucos, vai recuperándose para uso público. O claustro volve poder gozarse libremente. A antiga capela da Orde Terceira está ocupada por unha sala de Escolma de Escultura do Museo Arqueolóxico. O antigo cuartel reconverteuse en Arquivo Histórico Provincial. Ao seu lado levantouse o moderno Auditorio Municipal, espectacular edificio de construción contemporánea que acolle espectáculos de diversa natureza. A nova praza complétase coa Biblioteca Pública Nós. Por último, na parte máis alta, o parque Ferroviario de Carrileiros achéganos ao mundo do tren desde unha perspectiva diferente. Claustro e Cemiterio son, ademais, Bens de Interese Cultural da cidade.
Cemiterio de San Francisco
Escolma de escultura
Claustro de San Francisco
Arquivo Histórico Provincial
Auditorio Municipal
Biblioteca Pública Nós
Parque Ferroviario Carrileiros
Romántico cemiterio onde descansan algúns dos nomes máis importantes da cultura ourensá.
Unha sala na bela contorna de San Francisco dedicada a divulgar os fondos do Museo.
Un claustro sen igrexa, recordo do convento franciscano que logo se transformaría en cuartel militar. A fermosa decoración dos seus arcos merece unha visita.
Custodio dos documentos históricos de Ourense, ábrenos as súas portas para ensinarnos tanto unha parte deles como a historia do edificio que o alberga.
Gran espazo cultural multiusos no complexo cultural de San Francisco: congresos, exposicións, espectáculos…
A biblioteca pública “Nós” (inaugurada en 2019) convídanos a todos “nós” á lectura.
Inaugurado en 2003, o Parque Ferroviario de Carrileiros está dedicado ao mundo do tren en miniatura. É unha actividade perfecta para visitar cos máis pequenos da casa.