Ourense nun día
Toda visita debería comezar pola Oficina Municipal de Turismo, situada nos xardíns do Padre Feijoo. Estaremos encantandos de explicarvos toda a oferta turística da cidade e facilitarvos mapas, folletos e informacións sobre os horarios dos principais recursos turísticos.
Unha visita imprescindible para entender a orixe da cidade e a súa tradición termal. Comprobade a temperatura da auga que mana nas fontes, tomade un baño na termas e visitade o seu Centro de Interpretación, no que poderedes descubrir a historia do lugar e os restos arqueolóxicos romanos que aquí se conservan.
Subide até a Praza Maior, corazón da cidade vella, onde se atopan algúns dos edificios máis emblemáticos de Ourense: a Casa Consistorial, o antigo Pazo do Bispo, a igrexa de Santa María Nai…
Aquí podedes aproveitar para facer un descanso nalgunha das terrazas do seu esporón.
Subindo pola Praza das Damas chegaredes á porta sur da Catedral, con saída á fermosa Praza do Trigo, por onde poderedes acceder á basílica. No seu interior agárdanvos xoias coma o Santo Cristo, a Capela Maior ou a impresionante policromía do Pórtico do Paraíso.
Continuando pola Praza dos Suaves e a do Correxidor, tomade as escaleiras: ao final delas agárdavos unha vista espectacular de Ourense. Aquí atópase o claustro de San Francisco, unha xoia do gótico que debedes visitar. Non marchedes sen visitar a «Escolma de Escultura», un espazo no que percorrer a historia de Ourense a través de pezas procedentes do Museo Arqueolóxico Provincial.
As ruelas que rodean a catedral (Unión, Fornos, Lepanto, Ferro, San Miguel, Eironciño…) son coñecidas coma «Os Viños»: a zona de tapeo por excelencia da cidade. Sen dúbida un bo lugar para descubrir a gastronomía local.
A segunda parte do día podédela dedicar á Ruta Termal do Miño. A pé, en bicicleta, ou tomando na Praza Maior o Tren das Termas, achegádevos descubrir os principais espazos termais de Ourense e gozar dun baño: A Chavasqueira, Muíño da Veiga, Outariz…
Bañador, sandalias, toalla e gañas de relaxarvos é o único que vos fai falla!
Ao regresar ben podedes detervos a ver todos os pasos que se construíron sobre o río Miño. Desde o máis moderno (a Ponte do Milenio, na que poderedes escalar a súa pasarela-mirador), até o máis histórico: a Ponte Vella, que os romanos levantaron hai xa dous mil anos.
Desde a ponte chegaredes ao centro urbano, o Parque de San Lázaro. As rúas da súa contorna forman un centro comercial aberto onde a moda e os complementos enchen os escaparates.
E de volta á zona antiga, máis viva que nunca ao solpor. En Ourense o tapeo nocturno, as terrazas, as copas e a música acadan outra dimensión.