Ourense Modernista
Un percorrido por algúns dos edificios da Bela Auria de comezos do século XX, época onde destacou o xenio do arquitecto Vázquez Gulías, e que hoxe nos evocan a transformación da cidade.
A mediados do século XIX sopran vento de cambio en Ourense. A apertura da estrada Vigo-Villacastín (1861-63), hoxe rúa Progreso, supón unha auténtica revolución económica que trae consigo unha burguesía enriquecida nos almacéns, comercios, fondas e mesóns que se abren ao redor da nova vía de comunicación. Urbanisticamente, coa nova vía Ourense deixa de ser a cidade medieval pechada sobre si mesma; as rúas prolónganse e ábrense outras novas, como a do Paseo, á vez que se transforma a arquitectura dos edificios, inspirada polo aire de modernidade que trouxeron as comunicacións e o diñeiro destes novos comerciantes e industriais: casas de fermosas galerías talladas en madeira e granito labrado.
En Ourense, o Modernismo está representados por dous grande arquitectos. Daniel Vázquez Gulías (1869-1937), natural de Beariz, formouse na Escola de Arquitectura de Madrid (ETSAM) para despois viaxar por París, Viena e Berlín. Foi arquitecto municipal de Ourense e tamén arquitecto diocesano. Nas súas creacións, claramente modernistas aínda que dotadas de certo eclecticismo, modernidade e tradición dialogan harmonicamente: a súa contribución á transformación de Ourense é incontestable. Tamén destacada a figura Manuel Conde Fidalgo (Allariz, 1897 – Ourense, 1984), arquitecto municipal e da Deputación, ao que lle debemos obras como a Praza de Abastos ou a igrexa de Fátima.
Alameda
Xardíns do Bispo Cesáreo
Pazo Episcopal
Centro Cultural Marcos Valcárcel
Deputación de Ourense
Casa Taboada
Rúa do Paseo
Esquina de Cardeal Quiroga
Casa de Fermín García
Bailén: a Banca Romero
Un dos recunchos da cidade que mellor conserva o encanto doutras épocas. Foi remodelada por Vázquez Gulías como espazo de tránsito entre a cidade antiga e a moderna. Seu é o palco da música e a fermosa Casa Román e Saco (1911), coa súa galería de madeira. Desta tamén o edificio da Praza de Abastos (1929), de Conde Fidalgo, cuxa fachada de estilo clasicista lembra á dunha igrexa.
Na parte alta da Alameda destaca a Casa Junquera (1913), no número 9, espectacular exemplo de vivenda de comerciantes. De clara inspiración historicista, na súa fachada non faltan as referencias a Mercurio, deus do comercio.
No número 1, facendo esquina con Lamas Carvajal, os Almacéns Olmedo (1925), proxectados inicialmente como hotel.
O actual bispado (Progreso, 26) foi proxectado en 1888 por Antonio Queralt como ampliación do Seminario Conciliar. A decoración, con cornixa de arquillos, pequenas xanelas troneiras, cruces, etc., pretende dotar de certo historicismo medieval ao conxunto.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel foi o almacén e vivenda dos Simeón García, comerciantes de tecidos. Deseño de Serra i Pujol (1894), é un monumental edificio de estilo ecléctico, con símbolos alusivos ao comercio e industria no frontón de remate.
Na beirarrúa oposta está o Pazo da Deputación (1912), obra de Vázquez Gulías que realiza por encargo da propia institución, tras adquirir en 1895 esta antiga fábrica de fiados. Para adecuala á súa función pública Gulías engade, ademais do escudo provincial, un espectacular balcón no seu corpo central.
Aínda que non pode visitarse, a Casa Taboada merece unha pequena parada para deterse a admirar a súa fermosísima galería. É un traballo tamén de Vázquez Gulías, quizais a súa obra cume, e nela achégase aos postulados de Gaudí. Recibe ese nome pola farmacia que durante anos ocupou o seu baixo.
Rúa que ocupa o que foi o campo dos dominicanos; nace como ensanche no XIX, en plena transformación da cidade.
Destacan varias vivendas da nova burguesía urbana, como a casa do empresario Felipe Santiago (Vázquez Gulías, 1910), no número 15. Tamén a portada branca restaurada do antigo Teatro Losada (Alonso Vargas, 1926) e o Centro Cultural José Ángel Valente, antiga sede do Banco de España.
A intersección do Paseo coa rúa Cardeal Quiroga ben podería ser un dos recunchos de máis valor arquitectónico da cidade. Destaca o edificio do antigo Hotel Miño, co seu rechamante e colorista miradoiro (1909), e xusto enfronte o edificio Román (Mercader, 1892), hoxe oficina bancaria. Na esquina oposta dúas construcións posteriores pero de gran interese: a casa do arquitecto Manuel Conde Fidalgo (1931) e o primeiro edificio racionalista de Ourense (Mariano Sanz – A. Alex Reinlein, 1935).
Aínda que algo eclipsada pola monumentalidade da Casa Consistorial e o antigo Pazo Episcopal, trátase doutra obra de Gulías de gran beleza. Sede actual do Centro Expositivo Afundación, recibe o nome polo comerciante que a ordenou construír. Sobresae a ornamentación da súa fachada, en especial a utilización de azulexos, que foi unha auténtica novidade no momento.
Impoñente mansión no Centro Histórico que Gulías restaura en 1905, está vinculada á figura de Pedro Romeu Muelas, promotor dun do primeiros bancos da cidade. Hoxe loce unha recente e espectacular rehabilitación.