Pasarelas
Pasarela de Outariz
Pasarela do Vao
Pasarela de Oira
Coñecidísimo paso sobre o río, xa que se atopa xunto á zona termal de Outariz e Burga de Canedo, a máis grande e popular da cidade. Por ela teremos que pasar se aparcamos o noso vehículo no aparcadoiro de Pozas de Maimón (na beira esquerda) para chegar ás termas, nun curto paseo no que observaremos unha vista espectacular do río a través dos dous arcos que lle dan forma. É habitual atopar nela os «cadeados de amor» que as parellas foron amarrando á ponte nos últimos anos.
É a construción máis lixeira que atoparemos sobre o Miño, unha estrutura de tubos metálicos entrelazados apoiados unicamente sobre dous alicerces de formigón. Ofrece un bonito paseo conectando a zona comercial da cidade co barrio da Ponte. O seu nome fai referencia a que aquí se atopaba antigamente o único paso a pé do río, só practicable nos meses de verán.
A última das pasarelas en construírse, ten un deseño en curva no que destacan os seus dous mastros, de 45 metros de altura. Conecta A Loña (o barrio, pero tamén a desembocadura do afluente) co paseo de Oira, onde atoparemos a Aula de Natureza. Ten máis de 100 metros de longo, trazados sen ningún apoio sobre o río.