esculturas en ourense

Paseo pola escultura urbana

Un roteiro para descubrir as principais estatuas e esculturas da cidade

As esculturas son unha parte imprescindible do decorado urbano, presentes nas cidades desde antigo. En Ourense a colocación destes motivos comeza na Idade Media tardía nas fachadas das igrexas: algunhas das mellores mostras témolas na Catedral, por exemplo, na súa porta norte. A motivos relixiosos tamén obedece a colocación de cruceiros, grandes cruces de pedra sobre pedestais nas cruces de camiños que protexían os viaxeiros. Hoxe, a súa silueta lembra o pasado eminentemente rural de Ourense, aínda que na súa maioría son de factura moderna.

Non será ata o século XIX que Ourense incorpore un urbanismo moderno. A cidade pasa os límites da améndoa medieval, ábrense novas vías de comunicación e o gusto polo decorativo trasládase ao espazo público. Neste contexto instálanse numerosas  fontes (na súa maioría procedentes de procesos de desamortización nos mosteiros veciños) e comezan a aparecer as primeiras esculturas públicas, que honran a personaxes destacables. A do ilustrado Padre Feijóo e a de Concepción Arenal serán as primeiras.
Nos anos 80 Ourense vive unha auténtica eclosión creativa da man da xeración dos artistiñas, reunidos en torno ao Volter, no Eironciño dous Cabaleiros. A súa obra estenderase por toda a cidade con murais e tamén esculturas de temática moi diversa, abstractas e figurativas.  No parque Miño é posible visitar unha fermosa galería ao aire libre que condensa obras dos seus autores máis representativos.

O catálogo de escultura urbana en Ourense é amplo. Para descubrilo, aquí deixámosvos unha proposta de dez pezas singulares que, por motivos diversos, non deberiades perder.

Compartir

1
Padre Feijóo
2
As Burgas
3
Muller espida
4
O Mouchiño
5
A leiteira
6
Rallye de Ourense
7
A castañeira
8
O Carrabouxo
9
Concepción Arenal
10
Nexus 6
11
Torre de Baño

Padre Feijóo

As Burgas

Muller espida

O Mouchiño

A leiteira

Rallye de Ourense

A castañeira

O Carrabouxo

Concepción Arenal

Nexus 6

Torre de Baño

Pechar
Padre Feijóo
title_grouping

Inaugurada en 1887, esta peza en bronce, moi ao gusto da época, é obra de Juan Soler y Damau, colocada sobre un pedestal en granito obra de Zabala. Nela homenaxéase a un dos personaxes chave da Ilustración en España, nado nunha aldea próxima a Ourense. A idea de colocar esta estatua xorde co bicentenario do seu nacemento, en 1876, pero tardou máis dunha década en concretarse. Certames literarios, actuacións para recadar fondos e actividades científicas arrouparon a instalación da decana das esculturas en Ourense.

Pechar
As Burgas
title_grouping

O espazo que ocupan os mananciais termais das Burgas, símbolo da cidade, foi obxecto dunha profunda remodelación en 1989, momento no que se instalan aquí dúas singulares esculturas. A primeira é a Casa da nube, obra de Luis Borrajo, o primeiro escultor que levará a abstracción á escultura pública da cidade. A súa posición elevada conséguese en 2010 coa apertura da piscina termal, que en inverno rodea dunha nube de vapor esta peza en bronce. Ao seu lado atópase un relevo homenaxe a Calpurnia Abana, obra de Acisclo Maznzano, unha alegoría das ninfas das Burgas que acompañan os bañistas da zona.

Pechar
Muller espida
title_grouping

Esta peza de gran formato realizada en bronce representa o corpo dunha muller. É obra do escultor ourensán Borrajo e unha das poucas esculturas, talvez a única, nas que este artista habitualmente abstracto elixe a figuración. Foi instalada en 2002 ao final da Alameda, sobre un pedestal de granito case a nivel de chan.

Pechar
O Mouchiño
title_grouping

A zona dos xogos de infancia de moitos ourensáns, incluído o autor, é homenaxeada por Xaime Quessada nesta escultura, un fauno a lombos dun mouchiño, realizada en bronce sobre pedestal de pedra. No chan, pequenas placas de bronce lembran a coñecidos personaxes, protagonistas das bandas desñadas que se compraban nos quioscos e se lían e intercambiaban entre amigos neste lugar.

Pechar
A leiteira
title_grouping

Probablemente sexa unha das esculturas máis fotografadas da cidade. Esta obra de Ramón Conde (1999) converteuse en punto de encontro nunha das rúas con maior tránsito de persoas, nunha esquina, ademais, de gran valor arquitectónico. Homenaxea un oficio tradicional e unha estampa clásica do Ourense de outrora: as mulleres que cada mañá, a primeira hora, acudían á cidade vender o leite producido nas aldeas veciñas.

 

Pechar
Rallye de Ourense
title_grouping

Tamén obra de Ramón Conde, disputa coa Leiteira a honra de ser un dos puntos máis fotografados da cidade. Este curioso grupo escultórico lembra a figura dun pioneiro, Estanislao Reverter, promotor do Rallye de Ourense, unha competición que empeza en 1967 e hoxe continúa a celebrarse. Aquí aparece xunto ao seu inseparable colaborador Antonio Coleman sentados sobre o mítico Alpinche, un Renault Alpine con motor Porsche, idea do propio Reverter,  co que ambos competiron en numerosas ocasións.

 

Pechar
A castañeira
title_grouping

En 2001 o escultor Xosé Cid realiza esta peza, recordo dun dos oficios tradicionais que máis se asocia á cidade. Aquí a homenaxe é dobre. Por unha banda, á castaña, alimento imprescindible na dieta tradicional da Galicia rural e de interior, e á que Ourense lle dedica unha das principais datas do seu ciclo festivo, o Magosto. Por outro, ao traballo das mulleres: castañeiras, leiteiras ou rianxeiras (vendedoras do mercado)… tantas veces invisibilizado.

Hoxe en día aínda é posible atopar postos de castañas nas rúas, cuxo delicioso aroma impregna os días de outono.

 

Pechar
O Carrabouxo
title_grouping

Esta curiosa peza de César Lombera (ano 2002) representa un entrañable personaxe de boina negra lendo un xornal: é O Carrabouxo, protagonista da viñeta humorística que desde 1992 publica a diario o debuxante Xosé Lois González na prensa local. A súa particular visión da actualidade converteuno nun referente do humor gráfico na cidade.

Pechar
Concepción Arenal

A figura desta muller pioneira, defensora incansable dos dereitos humanos, garda vinculación con Ourense, cidade que visitou en numerosas ocasións. Non sorprende pois que a escultura que hoxe a homenaxea, obra de Aniceto Marinas sobre pedestal de Parada Justel, fose das primeiras en instalarse en España tras a súa morte. A obra inaugúrase en 1898 nos xardíns da Alameda, para despois ser trasladada, non sen gran polémica,  ao seu emprazamento actual, fronte aos antigos xulgados, lembrando o seu importante papel nos temas penais. Co traslado desaparece o pedestal orixinal.

Pechar
Nexus 6
title_grouping

Pouco despois de inaugurarse a Ponte do Milenio, Xosé Lois Carrera realiza esta figura en granito que, cos seus 7 metros de altura e 3 máis de 30 toneladas de peso, recibe a todos os que se achegan á cidade. Este impoñente torso masculino representa o río Miño e a unión das súas beiras, e o seu título homenaxea a morte de Roy, o replicante de Blade Runner.

Pechar
Torre de Baño
title_grouping

Esta escultura de Manuel Penín, inaugurada en 2011, rende tributo ao labor altruista das ourensás Obdulia Díaz e Lola Nóvoa, nai e filla que durante a ditadura acolleron na súa casa e sacaron adiante a máis dun cento de fillos de mulleres sen recursos que traballaban no Casco Antigo. A obra representa a unha muller, cunhas aristas en forma de serra que simbolizan a unha táboa de lavar, xa que Obdulia Díaz acudía ao lavadeiro das Burgas a fregar sábanas ou roupa por encargo, que despois colgaba secar nos tendais que había na traseira do cárcere.