Roteiro d’A Esmorga

Itinerario polos escenarios urbanos da novela A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, unha das obras cume da literatura galega.

Ourense é unha cidade fortemente literaturizada e moitos son os autores que fixeron dela o seu espazo literario. Entre eles, destaca Eduardo Blanco Amor, quen fixo que a cidade tomase vida en varias das súas obras, sendo especialmente lembrada A Esmorga. Esta novela innovadora, crónica de fortes tensións humanas marcada polo pesimismo, relata a esmorga dos seus tres protagonistas no Ourense da posguerra. Foi levada ao cinema en dúas ocasións, a última en 2014 da man de Ignacio Vilar.

As placas cerámicas colocadas no seu momento polo Clube Alexandre Bóveda en distintos puntos da cidade (no tempo da novela, o Ourense suburbial) e que reproducen fragmentos da obra permiten reconstruír, paso a paso, este tráxico episodio das vidas de Cibrán, o Bocas e o Milhomes.

Compartir

1
Taberna da Tía Esquilacha
2
As Burgas
3
Fonte de San Cosme
4
Canella de Pena Vixía
5
Praza do Correxidor
6
Fonte do Rei
7
Lamas Carvajal
8
Alameda

Taberna da Tía Esquilacha

As Burgas

Fonte de San Cosme

Canella de Pena Vixía

Praza do Correxidor

Fonte do Rei

Lamas Carvajal

Alameda

Pechar
Taberna da Tía Esquilacha
title_grouping

A novela arrinca nunha taberna na entrada de Auria, trasunto do Ourense de finais do XIX. Cibrán, peón nas obras da estrada nacional, diríxese ao traballo cando se atopa ao Bocas e ao Milhomes, que lle convencerán para quedar bebendo. Polo texto sabemos que se trata dun luns, día de feira, o que explica a presenza de tratantes de gando no bar. As feiras foron durante anos centrais na economía de Ourense, onde se compraba e vendía a produción do rural veciño. Hoxe a tradición continúa, celebrándose os días 7, 17 e 26 de cada mes.

Pechar
As Burgas
title_grouping

Non é casual que Blanco Amor sitúe os seus protagonistas neste espazo singular de Ourense, dominado pola calor e o vapor das súas augas termais. O texto fai referencia ao xa desaparecido lavadoiro que aquí existía, retratado por numerosos autores como punto de encontro das clases populares. Hoxe é posible gozar das propiedades destas augas na piscina termal xunto ás fontes, unha moderna instalación ideal para tomar un relaxante baño.

Pechar
Fonte de San Cosme
title_grouping

A fonte na que os personaxes se deteñen a saciar a súa sede non é a que hoxe podemos contemplar nesta praza, unha obra moderna coroada por unha fermosa escultura de Faílde con motivos infantís. Á beira atópase o Belén de Baltar, impresionante conxunto escultórico onde, xunto á escena da natividade, represéntanse numerosas escenas do Ourense de outrora. Se observamos detidamente, podemos atopar no Belén unha desas moitas tabernas que menciona a novela e, nela, os seus protagonistas, Cibrán, Bocas e Milhomes, chiscadela do escultor Arturo Baltar á obra de Blanco Amor.

Pechar
Canella de Pena Vixía
title_grouping

Espazo pouco coñecido no Centro Histórico de Ourense, é probable que deba o seu nome a algunha construción a modo de torre defensiva ou miradoiro na súa parte superior, sobre unha formación rochosa. O lugar sitúase a medio camiño entre outros dous espazos da novela, as tabernas (e bordeis) da Casa da Monfortina, na Praza da Ferreiría, xunto ao que hoxe é o Centro de Intepretación das Burgas, e a Casa da Nonó, na Praza da Trindade.

Pechar
Praza do Correxidor
title_grouping

Cibrán, Bocas e Milhomes continúan a súa correría por esta praza que aínda hoxe conserva o nome co que aparece na novela, en referencia ao antigo delegado da Coroa na cidade. Menciónase a próxima Catedral, da que se escoitan as súas badaladas, e, de forma velada, as veciñas rúa e praza da Estrela, á que se ascende por unhas empinadas escaleiras, antigamente rústicos banzos de pedra que lle valían a este lugar o popular nome de crebacús.

Pechar
Fonte do Rei
title_grouping

No canellón fronte ao que hoxe se sitúa a Oficina Municipal de Turismo consérvase o caño dunha fonte da que xa non brota auga e que dá nome a este recuncho. Sobre ela, o antigo escudo da cidade, no que o león aparece só, sen a torre e a ponte que se incorporarán posteriormente. Por aquí pasan os protagonistas da Esmorga, baixo a atenta mirada da escultura do Padre Feijóo. Tamén o fan os de Cambio en Tres, novela de Carlos Casares (Letras Galegas 2017)

Pechar
Lamas Carvajal
title_grouping

Despois do seu paso polo Mesón do Roxo, que estaría ao final da actual rúa Concordia, os esmorgantes cruzan Lamas Carvajal no seu tránsito ata a Alameda. A rúa, antiga xudaría medieval, leva o nome doutro ilustre das letras ourensás, Valentín Lamas Carvajal. Da súa pluma xurdiron outros personaxes novelescos, os chamados Graxos das Burgas, mozos orfos que tiñan o seu agocho á calor dos mananciais termais.

Pechar
Alameda
title_grouping

Punto final do roteiro, desde aquí os nosos protagonistas encamíñanse á estación de tren, destino ao que nunca chegarán, non sen antes deterse a contemplar a silueta en chamas do Pazo do Castelo, posible referencia ao desaparecido Castelo Ramiro, antiga fortaleza medieval da cidade. Pola nosa banda, neste fin de camiño atopámonos co propio autor, Eduardo Blanco Amor, grazas á escultura nos Xardíns de Bispo Cesáreo que o lembra. Ao seu carón, unha placa indica que nos atopamos, nin máis nin menos, no recuncho do lector.