Roteiro do Ourense literario
Un paseo polos escenarios e figuras máis emblemáticas da cultura e as letras galegas na cidade das Burgas
Ourense mantén unha estreita relación coa literatura, tanto polo número de autores que aquí naceron e traballaron como polos múltiples retratos que fixeron da cidade. Auria, Auriabella, ou Augasquentes son só algúns dos nomes que se lle refiren, alcumada tamén como a «Atenas de Galicia», a «cidade intelectual» ou, en palabras do escritor Carlos Casares, unha «urbe culta e literaria». Se rastrexamos as orixes deste vínculo deberemos remontarnos ata Alfonso X O Sabio, rei medieval que nas súas famosas Cantigas encomia o «boo vinno d’Ourens».
Será co Padre Feijóo, verdadeiro faro da Ilustración nado moi preto de Ourense, que a cidade cobra un papel fundamental no desenvolvemento da cultura e a lingua en Galicia. En Ourense publica Saco e Arce a primeira Gramática galega (1868) e Lamas Carvajal lanza O Tío Marcos d’Portela, primeiro semanario monolingüe en galego co que se inauguratoda unha longa tradición xornalística. Tamén aquí unha das grandes figuras do Rexurdimento, Curros Enríquez, cantará a chegada do tren e, con el, o progreso.
Ourense será testemuña dun segundo Rexurdimento, protagonizado pola chamada Xeración Nós a comezos do século XX. Intelectuais como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino López Cuevillas lideran desde as súas rúas un movemento que abrirá Galicia ás vangardas da época, e que ten a súa continuación en figuras como Xaquín Lorenzo Xocas ou Eduardo Blanco Amor. O retrato que este último fai da cidade na súa celebérrima novela A esmorga pode descubrirse a través dun roteiro propio. Tamén a obra deCarlos Casares conta con roteiro na cidade, ideal para coñecer a narrativa contemporánea que continuou este Ourense literario ata os nosos días.
Eduardo Blanco Amor (1897-1979)
Liceo de Ourense
Xardíns de Padre Feijóo
Jose Ángel Valente (1929-2000)
Vicente Risco (1884-1963)
Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)
Museo Arqueolóxico
Valentín Lamas Carvajal (1849-1906)
Instituto Otero Pedrayo
Cemiterio de San Francisco
Talvez o máis universal dos nosos autores, as súas novelas recrean o ambiente do Ourense da súa mocidade: A esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos, A catedral e o neno… Nos Xardíns de Bispo Cesáreo unha escultura lémbrao, xunto ao chamado Recuncho do Lector, como indica a praca veciña. Na rúa Lepanto unha placa identifica a súa posible casa natal mentres que o seu último domicilio atópase na rúa que leva o seu nome. Os seus restos descansan no Cemiterio de San Francisco.
Destaca por singular a longa tradición tan ourensá dos faladoiros, que aínda hoxe gozan de boa saúde. Estas reunións onde transmitir e compartir coñecementos celebráronse en boticas, redaccións de xornais, cafetarías, tabernas… e, como non, nas sociedades culturais: o Orfeón, o Ateneo ou o Liceo, co seu fermoso patio de columnas no Pazo dos Oca-Valladares.
A estatua do ilustrado Benito Jerónimo Feijóo (1676-1748) foi a primeira que se levantou na cidade. Resultado dunha susbscripción pública, a súa inauguración trouxo días de festa na cidade, con certames literarios nos que participaron Emilia Padro Bazán ou Concepción Arenal. Próxima aos xardíns, outra escultura sobre piar: un fauno a lombos dun moucho, obra de Quessada. Na súa base atopamos unha lembranza das bandas deseñadas, que moitos compraban na próxima libraría La Viuda.
Uns fermosos versos na Praza das Mercedes lembran a este ensaísta, tradutor e poeta ourensán. Premio Nacional de Poesía e Príncipe de Asturias das Letras, viviu e escribiu lonxe de Ourense, pero sempre mantivo a cidade na súa memoria, dedicándolle fermosos poemas que evocan recordos da infancia. Foi enterrado xunto ao seu fillo no cemiterio de San Francisco. O antigo Banco de España, hoxe espazo expositivo, leva o seu nome.
Na rúa da Paz Risco compartiu a súa infancia con Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas. Xuntos liderarían desde elas un dos proxectos culturais máis importante de Galicia, a revista Nós, que deu nome a toda unha xeración. A sede da publicación atopábase na rúa de Santo Domingo. Home de gran cultura, ensaísta e narrador, Risco animou múltiples faladoiros onde se formarían as novas xeracións de artistas. Ademais da placa na súa casa natal, é lembrado cunha rúa.
O bautizado como Patriarca das Letras Galega cultivou na súa extensísima obra todos os xéneros posibles. Gran coñecedor da xeografía e historia de Galicia, esta atopámola en novelas como Os camiños da vida, Arredor de si e mesmo en guías turísticas. Foi tamén un magnífico e lembrado orador. A súa estatua vixía hoxe a Praza do Correxidor e a súa tumba pode visitarse en San Francisco.
Os estudos arqueolóxicos ocupan un papel destacado na historia cultural de Ourense. O seu precursor foi o sacerdote Marcelo Macías, fillo adoptivo da cidade, que acabaría inspirando e dando nome ao grupo de intelectuais formado por Ferro Couselo, Florentino Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández e outros. Desde a súa creación en 1942 será aval e motor do Arquivo Provincial e o Museo Arqueolóxico. Unha mostra dos fondos desta institución pode visitarse nas súas instalacións en San Francisco.
É un dos pais do xornalismo galego, responsable do lanzamento en 1876 do semanario O Tío Marcos da Portela. Foi a primeira publicación periódica monolingüe en galego, con sede sede na rúa Lepanto. No Xardín do Posío, un dos seus recunchos favoritos, unha escultura lémbrao, e tamén no Cemiterio de San Francisco é posible visitar a súa tumba. Foi autor do Catecismo do labrego, considerado o primeiro éxito de vendas da literatura galega.
Un dos trazos que definiron o ambiente literario e cultural de Ourense é a vontade didáctica, sendo tradición que os vellos mestres formen as novas xeracións de artistas. Símbolo disto é o antigo Instituto de Novo Ensino, inaugurado en 1896. Nel deron clase Marcelo Macías, Saco e Arce ou Eduardo Moreno. Foi sede do Arquivo e o Museo Provincial, e tamén lugar de reunión dos chamado grupo dos «anticuarios», en cuxos faladoiros se discutían as últimas novidades literarias.
Este meláncolico e elegante cemiterio, ao que a banda de rock Los Suaves moneaxea no seu albúm San Francisco Express, é desde 1834 o principal camposanto da cidade. Nel descansan os restos de moitos dos autores que atopamos neste percorrido: Lamas Carvajal, Saco e Arce, García Mosquera, Xavier Prado «Lameiro», Xosé Ramón Oxea «Ben-Cho-Sey», Blanco Amor, as irmás Pura e Doura Vázquez ou José Ángel Valente,o seu gran valedor.