Roteiro Literario Carlos Casares
Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941 – Vigo, 2002) pertence a esa particular galaxia literaria de escritores que atoparon en Ourense inspiración para os seus textos. Ao longo da súa carreira como editor, xornalista, dinamizador cultural e literato, este ourensán ilustre retratou en numerosas ocasións a cidade que o viu nacer, convertendo á vella Auria en escenario dalgunhas das súas mellores novelas: Ilustrísima, Cambio en tres, Deus sentado nun sillón azul…
O Día das Letras Galegas de 2017 está dedicado a Carlos Casares en recoñecemento a toda unha vida de compromiso coa literatura e a cultura galega. Aproveitando a efémeride, Ourense salda unha antiga débeda presentando este roteiro literario no que rastrexar os pasos do autor e a súa obra por distintos espazos da cidade e o seu perímetro rural. Son 20 etapas, a maior parte delas concentradas nun curto paseo entre o Centro Histórico e o Ensanche, para logo finalizar con dúas paradas máis afastadas: unha nese espectacular miradoiro sobre a cidade que é o Seminario Menor e outra na fermosa igrexa do núcleo rural de Beiro, a 9 km do centro.
Hotel Parque
Avenida da Habana
Rúa Curros Enríquez
Igrexa dos Franciscanos
Parque de San Lázaro
Rúa do Paseo, 34
Rúa do Paseo, 8
Paseo con Cardeal Quiroga
Alameda
Liceo de Ourense
Praza de San Martiño
Praza de Santa Eufemia
Rúa da Paz
Santo Domingo
Praza do Ferro
Rúa Lepanto
Praza do Trigo
Praza Maior
Seminario Menor
Igrexa e Reitoral de Beiro
O xa desaparecido Hotel Parque foi durante anos o escenario do faladoiro que dirixía o intelectual Vicente Risco, e na que se forxaron artistas e escritores, entre eles o propio Carlos Casares.
O das tertulias é un hábito enraizado na sociedade ourensá e que hoxe goza de excelente saúde en espazos coma o Liceo (Pazo de Oca-Valladares).
Na esquina con Cardeal Quevedo atópase a casa natal do escritor, cuxa vida discorreu entre Ourense, A Limia, Vigo, Cangas… e a influencia de Suecia, de onde era orixinaria a súa muller.
A placa que atopamos fai referencia á tradicional festa do Magosto en Ourense, que aínda hoxe se celebra nas ladeiras de Montealegre e os xardíns da Alameda.
O amor de Casares pola historia (real e inventada) inspirou moitas das súas obras, como é o caso de Os escuros soños de Clío, cuxo título fai referencia á musa desta ciencia. Tamén foi un apaixonado biógrafo que relatou a vida de grandes figuras das letras, moitas con orixe en Ourense: Risco, Otero ou Curros Enríquez, poeta de Celanova que dá nome á rúa na que nos atopamos.
Esta igrexa constreñida entre edificios modernos foi trasladada a este lugar en 1929 desde o seu emprazamento orixinal, no convento de San Francisco. Este recinto monumental, do que pode visitarse o belo claustro gótico, foi cuartel de infantaría entre 1843 e 1984, un singular feito histórico que Casares lembra neste extracto d’Os mortos daquel verán.
Cambio en tres é, seguramente, a novela máis ourensá de cantas escribiu Carlos Casares: un relato sobre a emigración a Europa dos 70 e na que se retratan maxistralmente espazos coma o Parque de San Lázaro, escenario de xogos da infancia.
Un bo lugar tamén para evocar a tradición de Ourense como escenario literario, desde Lamas Carvajal aos nosos días.
Desde a súa columna «A Marxe» Casares relatou durante unha década escenas do seu mundo cotián e imaxinario. As espesa néboas, resultado do paso do Miño e a peculiar orografía da cidade, foron sempre habituais en Ourense e, xunto aos vapores dos mananciais termais, envólvena nun halo de misterio.
A rúa do Paseo é a arteria vital de Ourense, espazo de encontro e tránsito entre cafés e faladoiros. Fálase aquí dese Ourense na memoria, o dos amigos de Casares, algúns daqueles novos artistiñas (Quessada, Virxilio, Acisclo Manzano, Buciños) que co seu labor contribuíron á renovación da plástica en Galicia.
A apertura da estrada Vigo-Villacastín (hoxe rúa Progreso) a finais do XIX simboliza a entrada da modernidade en Ourense: novas formas de urbanismo, unha nova clase social (a burguesía), comercio, comunicacións… É a comezos deste século que chega tamén a Ourense a maxia do cinema, da man do pioneiro Eduardo Barbagelata. Aquí lémbrase a esta figura singular e como o seu «invento» revolucionou a cidade.
Aínda que de orixes medievais, a Alameda que hoxe vemos debe o seu aspecto ás reformas realizadas por Vazquez Gulías a comezos do século XX. Foi sempre espazo de celebracións, de bailes de sociedade animados por orquestras nos seus palcos da música, un costume que aínda hoxe se mantén. Casares lembra, nesta pasaxe de Vento ferido, esta Alameda de bailes, onde se reunían os mozos das vilas e aldeas veciñas.
Casares mantivo unha estreita relación coa decana das institucións culturais de Ourense, o Liceo, do que foi socio de honra. Nesta placa, no interior do belo Pazo de Oca-Valladares, lémbrase, a partir dunhas antigas actas do Liceo, a Don Juan de la Coba, excéntrico poeta, dramaturgo e inventor da súa propia lingua, o Trampitán.
A historia de Ourense está definida pola oposición entre o poder civil, representado polo Concello, e o relixioso, encarnado polos bispos. Por iso, non é casualidade que Casares dedicase a estes últimos una das súas novelas máis soadas, Ilustrísima. Nesta pasaxe non se fai referencia ás escaleiras que hoxe dan acceso á porta oeste da Catedral xa que non se construíron ata comezos dos anos 80. Ata entón, a porta tiña saída a un balcón sobre a rúa.
O triángulo comprendido entre a Praza do Ferro e as rúas da Paz e Lepanto ben podería ser considerado a milla de ouro da cultura en Galicia, xa que aquí naceron, viviron e traballaron unha boa parte dos seus grandes escritores e estudosos: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Xoaquín Lorenzo «Xocas», Eduardo Blanco Amor… Grandes xenios que Casares evoca no seu ensaio literario Ourense de auga e pedra, no que rende homenaxe á cidade como gran capital da narrativa galega.
No número 21 desta rúa da Paz, antigamente coñecida como «rúa dos zapateiros», naceron e viviron dúas figuras fundamentais da literatura en Galicia, Otero Pedrayo e Vicente Risco, máximos expoñentes da chamada Xeración Nós, renovadora do pensamento e cultura galegas a comezos de século XX.
O futuro Cardeal Quiroga foi, durante algúns anos, párroco de Santo Domingo, fermosa igrexa a só uns poucos metros desta placa. Natural da veciña vila de Maceda, é lembrado polo seu inxente labor de divulgación do Camiño de Santiago, cuxa variante sur fai parada en Ourense. Casares lembra aquí a este ourensán ilustre nunha fermosa anécdota con Otero Pedrayo, cuxa casa natal en Trasalba, a escasos quilómetros da cidade, pode hoxe visitarse como museo.
Nesta praza, milla de ouro das Letras Galegas pola cantidade de intelectuais que viviron nesta zona, Casares lembra a figura de Eduardo Branco Amor (Ourense, 1897 – Vigo, 1979), pluma brillante ao que lle debemos outro retrato de Auria, o da súa obra A Esmorga. Como moitos galegos da súa época, Branco Amor emigra a Latinoamérica na súa mocidade, aínda que volverá xa adulto á súa terra natal, vivindo a soidade e o dilema do «retornado», a difícil volta ao paraíso soñado.
Non hai tanto tempo que polas rúas do Ourense antigo era habitual atopar carros tirados por gando cos que se transportaban os alimentos producidos no rural para a súa venda nos mercados.
Unha imaxe que Casares evoca na súa novela autobiográfica Xoguetes para un tempo prohibido, cargada de recordos da infancia.
Ourense non foi allea aos desastres da Guerra Civil española, como lembra Casares nesta pasaxe de Deus sentado nun sillón azul. A fonte á que se empolica o protagonista non é a que hoxe vemos na praza: foi instalada nos anos 60 substituíndo outra anterior, do século XVIII.
Esta Praza do Trigo foi antigamente mercado de cerámica, prateiros e tamén cereais, de onde lle vén o nome.
A placa recolle un fermoso extracto da novela Deus sentado nun sillón azul no que Casares debuxa con detalle o tránsito continuo de xentes no que sempre foi, e aínda é, o corazón da cidade, a súa Praza Maior.
Como moitos mozos da súa época, Casares cursou estudos no Seminario Menor de Ourense, que hoxe continúa en activo. Aquí estableceu os seus primeiros contactos co mundo da literatura, grazas á influencia de profesores como Agustín Madarnás.
Polo seu emprazamento nun alto, o Seminario é hoxe un espectacular miradoiro para gozar dunha fermosa visión panorámica da cidade, o río Miño e as pontes que o asucan.
Na súa novela póstuma O sol do verán Casares lembra os seus veráns na aldea de Santa Baia de Beiro, a 8 km da cidade. O seu tío foi crego da súa bela igrexa románica, que conta tamén cunha casa reitoral recentemente reformada que merece a pena visitar.