Ourense, Capital do Entroido de Galicia
Prepárate para vivir o Entroido de Ourense; só é preciso traer moitas ganas de pasalo ben.
Capital do Entroido
O Entroido é quizais a festa máis alegre, colorista e aloucada de todas as que se celebran na nosa cidade (e non son poucas!). Son días e noites de música, disfraces, risas e longas comidas entre amigos. Unha celebración ao grande cuxas raíces se perden no tempo e que en Ourense se vive con paixón: por algo somos a Capital do Entroido de Galicia.
Unha cidade, catro entroidos
Dentro da cidade existen catro entroidos diferenciados, cada un coa súa propia personalidade. O máis multitudinario ten lugar no centro da cidade, e en especial na zona dos Viños e a Praza Maior, onde converxe todo o ambiente nocturno. O punto de saída márcano o xoves de compadres (10 días antes do luns de entroido) e unha semana máis tarde, o xoves de comadres. Nestes días, primeiro os homes e á semana seguinte as mulleres búrlanse uns doutros e crean “mecos” (bonecos do sexo oposto) que os “inimigos” do outro sexo tratarán de destruír. O máis destacado son as batallas que nenos e nenas realizan na Praza Maior polas mañás, e en especial o ambiente nocturno do xoves de comadres, no que grupos de mulleres (e homes obrigatoriamente disfrazados de muller) entréganse ao baile e á esmorga.
A partir de aquí empeza o verdadeiro Entroido, cinco días de festa ininterrompida nos que as rúas se enchen de música e cor grazas a charangas, comparsas e desfiles. Disfraces máis elaborados e elegantes comparten protagonismo con outros máis simples, pero en todos eles destacan o bo humor e as ganas de pasalo ben.
Quizais os puntos álxidos sexan as noites do sábado e luns de entroido (o martes é festivo local), e por suposto o colorido desfile de comparsas que ten lugar o domingo. As celebracións acaban o mércores de cinza co tradicional enterro da sardiña, cando a cidade se viste de loito para despedir unha das súas festas máis queridas até o ano seguinte.
Xunto co entroido máis urbano, algúns barrios e núcleos do municipio de Ourense contan con tradicións e personaxes propios que contribúen a dar cor e orixinalidade ao Entroido ourensán. Na Ponte, barrio da beira norte do Miño, a festa está moi marcada polas enchentas dos confrades do irreverente Frei Canedo. Seixalbo e As Eiroás contan tamén con personaxes propios: na pintoresca poboación de Seixalbo, os mecos Paquita e Nicanor saen en procesión antes da súa queima; e a máscara da Pita desfila en Eiroás, adornada con cintas de cores. Nestes núcleos as celebracións adiántanse ao «domingo oleiro», cando se celebra o tradicional xogo das olas de arxila.
Entroidos da provincia
A cidade é a lanzadeira perfecta para descubrir os diferentes entroidos da provincia. Especialmente significativos son os de Laza, Verín, Xinzo de Limia, Maceda, Viana do Bolo e Manzaneda, todos eles declarados Festas de Interese Turístico e nos que destaca o colorido das súas máscaras únicas: cigarróns de Verín, peliqueiros de Laza, pantallas de Xinzo… Son varias as compañías de transporte e axencias de viaxes que ofrecen servizos de traslado desde a cidade até estes destinos, mesmo até alta horas da noite, para poder esquecerse do coche durante a festa.
A provincia de Ourense acolle numerosos entroidos ancestrais, con figuras emblemáticas como as pantallas de Xinzo, os peliqueiros de Laza ou os cigarróns de Verín.
Sabores de Entroido
A gastronomía cobra un gran protagonismo no Entroido ourensán. É época de gozar un bo cocido galego, composto de verdura, garavanzos, patacas, mesmo castañas e por suposto carne, en especial de porco, entre as que poden aparecer embutidos tradicionais como as androllas e o botelo. O toque doce póñeno filloas, bicas e especialmente as orellas, a sobremesa máis entroideira, elaborada con ovos, fariña e azucre. Todo iso regado con viños das denominacións de orixe ourensás de Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei ou Valdeorras, e os licores locais, entre os que destacan o licor café e o de herbas.
Programa de actividades Entroido 2024
Podes consultar o Programa do Entroido na cidade de Ourense neste enlace.
Tamén podes descargar o programa de todos os entroidos da provincia de Ourense neste enlace. (pdf 7Mb)
Cada ano os entroidos contan cunha programación de actividades propias que poderás consultar na nosa axenda.