Cidade de Rock

A música e letras dunha banda coma Los Suaves converteron a Ourense nun dos santuarios do rock estatal. De espírito creativo e rebelde, a cidade tivo sempre unha excelente canteira musical que hoxe segue a soar por todos os recunchos.

Poucos embaixadores tan populares tivo Ourense como Los Suaves, a mítica banda de rock capitaneada polos irmáns Yosi e Charly Domínguez que durante dúas décadas cultivou seguidores fieis e apaixonados. Os músicos sempre mantiveron un vinculo estreito coa cidade, que está presente nas súas cancións, letras e en portadas de discos coma o mítico San Francisco Express. Mesmo chegaron abrir aquí  un dos locais máis carismáticos da noite ourensá, o FAR (Federación de Amigos do Rock). que hoxe aínda continúa a ser refuxio para os amantes do bo rock. O pub atópase en plena zona dos «Viños», xunto á catedral, na praza que a cidade lles dedicou  e onde unha placa co característico gato negro lémbraos así:

Poetas do amor, do desengano e da vida, que desde Ourense compuxeron rock para todo o mundo.

Seguindo o ronsel rockeiro, a cidade viu nacer outras bandas históricas, como Megapearls, Mitocondrias ou Cosecha Roja (hoxe os Burgas Beat). No panorama actual destacan BestLife (UnderYourSeat), con certo pouso anglosaxón, e Os Amigos dos Músicos, que facturan un folk-pop de calidade e son habituais do Café Pop Torgal. Neste pequeno local do Ensanche, xa case na zona universitaria, os seus donos, os irmáns Pedrouzo, levan anos programando acústicos de primeira línea e interesantes ciclos coma o American Autumn. Especialmente activos e de espírito punk son os responsables de El Pueblo, local de concertos na rúa Hernán Cortés, no máis profundo da cidade antiga.

O folk tivo tamén un peso importante no panorama musical da cidade, destacando o combo Mutenrohi, no que militou a gaiteira Cristina Pato, e que bebe do rico folclore musical galego que institucións como a Real Banda de Gaitas ou a Coral de Ruada divulgan desde hai anos. Mesturando a música tradicional con outros sons e ritmos tropicais destacaron dúas bandas inesquecibles, Lamatumbá e O Sonoro Maxín, imprescindibles nos festivais que cada verán inundan Galicia.