Novas
Concello e COB colaboran na promoción de Ourense como destino turístico
A Concellería de Turismo promociona a cidade de Ourense como destino turístico en toda España a través de Club Ourense Baloncesto. “Márcate un triple en Ourense” é o título da nova campaña que pon en marcha a Concellería, coa finalidade de posicionar a cidade como un destino turístico ideal entre o público seguidor do baloncesto nacional, convidándoos a gozar de tres grandes atractivos; baloncesto, espazos termais e gastronomía, xunto con recursos como o patrimonio, a súa oferta cultural ou a paisaxe.
A campaña convida a experimentar a fermosa sorpresa que Ourense supón para o visitante e persigue divulgar o potencial de Ourense entre un público segmentado: os afeccionados ao deporte, neste caso o baloncesto. Utiliza como embaixador ao COB, o equipo de maior proxección pública de Ourense, por competir en liga nacional LEB Oro, segunda categoría do baloncesto español, xunto a cidades de superior ou similar poboación (Burgos, Huesca, Vitoria, Oviedo, A Coruña ou Lugo entre outras) que mobilizan nos seus partidos milleiros de espectadores.
En cada partido que Ourense dispute ata final de temporada fóra da casa, o C.O.B. divulgará os recursos turísticos da cidade cun expositor emprazado no propio pavillón onde se xogue o partido, no que o público local terá a oportunidade de coñecer a oferta termal da cidade. Este stand recrea unha vista panorámica das Termas do Muiño, e nel se poderá visionar un vídeo promocional de Ourense e se distribuirán dípticos que convidan a “marcarse un triple” na cidade. A campaña inclúe tamén concursos, accións en redes sociais, e o rotulado da traseira do propio autobús do equipo ourensán.
Campaña novidosa, con accións directas entre un público obxectivo
“Queremos posicionar Ourense como unha cidade perfecta como destino turístico, e apostamos por aproveitar todos os recursos e potenciais dos que a cidade dispón”, asegura o concelleiro de Turismo, Jorge Pumar, quen lembra que o C.O.B. “é un referente do deporte na cidade, un elemento da marca Ourense presente en todos os aficionados ao baloncesto, e cremos que é un excelente embaixador da nosa oferta turística nun público obxectivo segmentado e que nos interesa especialmente: os aficionados ao deporte”.
Será, asegura, “unha campaña novidosa, directa e proactiva, xa que promocionaremos Ourense nas propias cidades nas que xoga o COB e achegamos directamente aos seus afeccionados a oferta de Ourense, que é capital termal, sí, mais ten tamén moitos outros recursos para disfrutar e sobre todo, constitúe unha agradable sorpresa e un plan perfecto para gozar do tempo de lecer”.
Desde o equipo ourensán “agradecemos que a Concellería de Turismo e Termalismo, e o seu concelleiro Jorge Pumar, confíen no COB para promocionar a cidade de Ourense por toda España”, asegura o presidente do club, Camilo Álvarez.
Dez mil espectadores de media nos partidos
As accións promocionais inclúen inicialmente cinco partidos; Marín, Vitoria, Logroño, Cáceres e Lleida, e poderánse ampliar en caso de que o equipo se clasifique a playoffs. En cada partido os espectadores poderán achegarse ao stand de Ourense e facerse con agún dos 6.000 dípticos promocionais da campaña, así como participar nun concurso no que poderán gañar unha estancia para dúas persoas durante unha fin de semana con entradas para a estación termal de Outariz. O visitante terá que achegarse ao stand, sacarse unha foto e compartila en Facebook co hashtag #tripleenourense, comentando no texto que é o que lle resulta máis atractivo da nosa cidade, ademais de seguir a fanpage capitaltermal. O nome da persoa gañadora publicarase o día 5 de maio no Facebook Ourense Capital Termal.
Accións en desprazamento
O autobús no que se traslada o equipo para xogar os partidos tamén será soporte promocional da campaña, xa que na súa traseira loce xa a imaxe da campaña “Márcate un triple en Ourense”, nunha composición de 2250 x 3270 cm, na que dous dos xogadores máis populares do equipo: Dimitry Flis e Christian Díaz, posan nas Termas de Outariz.
Flis (Kaliningrado, 1984) é un xogador con dobre nacionalidade rusa e española, que suma 15 temporadas no deporte de elite desde o seu debut, con só 17 anos, no Joventut de Badalona, equipo co que se proclamou campión da Eurocopa FIBA en 2006 e da Copa ULEB e Copa do Rei en 2007- 2008. Posteriormente xogou en equipos como Lleida, Obradoiro, Andorra ou Manresa, antes de fichar por Ourense.
Christian Díaz (Las Palmas, 1992) é un dos bases máis destacados da Liga, malia súa xuventude, suma 7 temporadas como profesional, xogando en equipos como Gran Canaria, La Palma, Navarra, Huesca e Ourense, neste caso en dúas etapas, pois formou parte do equipo co que o C.O.B. acadou o ascenso deportivo a Liga ACB en 2015, e regresou esta temporada.