Descubre a maxia do lume nas fogueiras de Magosto

Unha das festas máis tradicionais de Ourense, declarada de Interese Turístico, amplía a súa programación. Do 8 ao 11 de novembro non podes perder o Magosto.

Este ano, o Concello de Ourense aposta polos Magostos ampliando a súa programación de actividades. Con iso, pretende potenciar esta festa, animando a cidadáns e turistas a participar nela e converter á cidade nun referente cultural e lúdico.

Ademais do propio Día de San Martiño (patrón de Ourense e festivo local), o Magosto estenderase do 8 ao 11 de novembro cunha vintena de actividades. Entre elas, destacan os concertos dalgúns dos mellores grupos de música tradicional galega como Brañas Folk, Susane Seivane, Leilía ou Os de Abaixo, que actuarán cada tarde ás 20:00 na Praza Maior. Animación de rúa con grupos de gaiteiros e charangas completarán a oferta musical.

Descarga aquí o programa completo do Magosto 2019 Descarga

Os urbanitas que non queiran respectar a tradición de subir asar castañas aos montes que circundan a cidade (especialmente Montealegre) saben que sempre poden acudir á gran cacharela que o Concello organizará no Parque Barbaña o luns 11 a partir das 17:00. Como noutras edicións, repartiranse 1.000 quilos de castañas, 3.000 chourizos e 200 botellas de viño e auga a un prezo popular (1 € o menú).

O Espazo Galaico é unha das principais novidades da programación: unha carpa que se colocará na Praza do Bispo Cesáreo. Nela poderase asistir a visitas guiadas ao Laboratorio do Tempo, presenciar recreacións da vida nun castro celta ou exhibicións de esgrima, retratarse no photocall con vestimentas e armas da época galaica, ou participar en obradoiros de amuletos, bonecos, instrumentos musicais ou banda deseñada.

Descarga aquí a programación do Espazo Galaico Descarga

Na festa tamén terá un gran protagonismo a gastronomía, xa que coincidirá co Concurso de Pinchos Sabores de Ourense. Así, os locais de hostalaría elaborarán menús especiais e as denominacións de orixe da provincia organizarán diferentes actividades e catas dos seus viños.