O outono pide Ourense


Aínda que Ourense merece unha visita en calquera momento do ano, sen dúbida o outono é unha das mellores épocas para achegarse a coñecela: as súas paisaxes fluviais están engalanadas co ocre estacional, a baixada das temperaturas fai aínda máis apetecibles os seus baños termais, e a axenda de eventos está tan chea de citas culturais e festivas que custará decidirse por unha soa proposta.

Entre as festas, destacan dúas arraigadas celebracións ligadas á natureza e mantidas desde tempos ancestrais que nos permitirán descubrir o Ourense máis tradicional e singular: a noite de Samaín, que cos seus disfraces e o seu desfile de cabazas anticipa Todos os Santos, e o Magosto, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, unha velada de ritos e fogueiras en torno ao día do patrón, San Martín.

Ademais de todo isto, o seu impresionante patrimonio monumental, a súa deliciosa gastronomía con produtos de tempada ou a súa variada oferta comercial… Poucos lugares propoñen tanto coma Ourense no outono… valo perder?


Ese outono o corpo pídeche Ourense. Ven e #DeXconecta

3 IDEAS PARA A TÚA ESCAPADA OUTONAL A OURENSE

PAPA UN DIVERTIDO SUSTO
A NOITE DE SAMAÍN

Desde hai tempo, esta festa de orixes celtas previa ao día de defuntos vívese en Ourense con enerxías renovadas. O 31 de outubro, ademais dos obradoiros e xogos infantís nas prazas do Centro Histórico pola tarde e o tradicional desfile de cabazas, a novidade deste ano será a Noite da Santa Compaña, unha procesión de almas en pena que percorrerá a medianoite as rúas coas luces apagadas e confluirá nunha gran festa na Praza Maior co espectáculo Les Tambours de Feu da compañía vasca Deabru Beltza.

Descarga o Programa

ORGANIZA A TÚA RUTA DE PINCHOS
E DEGUSTA OS SABORES LOCAIS

Do 7 ao 17 de novembro celébrase unha nova edición (a 12ª xa) do concurso de pinchos Sabores de Ourense. Establecementos de toda a cidade, sobre todo da zona d’Os Viños, presentan as súas deliciosas propostas de tempada confeccionadas con cogomelos e castañas como ingredientes principais, a un prezo máximo de 2,50 €. Próbaos, vota polos teus favoritos (participando nun sorteo de distintos premios) e marídaos cun bo viño dunha do catro D.O. da provincia.

Máis Información

DESCUBRE A MAXIA DO LUME
NAS FOGUEIRAS DE MAGOSTO

No Magosto ourensán tradicional, a xente sobe a Montealegre e outros montes próximos o 11 de novembro para reunírense ao redor de grandes fogueiras; cómese, ásanse castañas e celébrase até a queimada final. Este ano, o Concello potenciará a súa festividade máis popular o fin de semana previo con pasarrúas de gaiteiros e concertos de música galega (Susana Seivane, Leilía, etc.). Tamén se organizará un Magosto urbano no Parque Barbaña e haberá unha carpa, o Espazo Galaico, con exposicións e obradoiros sobre a cultura dos castros celtas.

Descarga o Programa