Esta primavera Ourense é #UnPlanPerfecto
O bo tempo xa asoma por Ourense e revoluciona a cidade, que estes días rebosa actividade polos catro costados. Música, teatro, moda, gastronomía, augas termais e flores por doquier: a primavera chegou e queremos celebralo contigo.
Calquera momento do ano é bo para escapar a Ourense, a cidade das augas termais, pero sen dúbida a primavera ten un encanto especial, coas suaves temperaturas, os días máis longos e a natureza en todo o seu esplendor. Precisamente a natureza é a protagonista das celebracións coas que a cidade dá a benvida a esta estación, a festa dos Maios
A festa dos Maios chegará a Ourense o vindeiro domingo día 6, alagando de flores e brión as rúas da cidade. Estas esculturas vexetais, realizadas a man a partir de materiais naturais, poderán verse na rúa do Paseo a partir das 11.00, nunha xornada festiva amenizada con música de gaiteiros, desfile de cabezudos, xogos populares, talleres infantís… Como todos os anos, ese día un xurado elixirá o Maio máis elaborado e singular, tanto na categoría de Maio tradicional (habitualmente con forma de pirámide) como de Maio artístico, ademais da mellor copla, as composicións satíricas que se cantan ao redor destas esculturas, auténtica crónica en clave de humor e retranca de temas de actualidade. Festa declarada de Interese Turístico de Galicia, Os Maios son, sen dúbida, unha das tradicións máis arraigadas e coloristas de Ourense e garanten unha xornada de festa e diversión para todos.
Ese mesmo día, por ser primeiro domingo de mes, a Praza Maior tamén acolle o mercado de antigüidades de Ourense, un rastro con cheiro a vello que namorará a curiosos e nostálxicos: mobles, cerámica, filatelia, numismática?
Tamén na primavera
O día 4 de maio, venres, os comerciantes do centro celebran a súa Shopping Night, unha noite de lecer e compras ideal para descubrir por que Ourense é un destino de moda, famoso pola calidade e variedade do seu comercio local. Máis de 80 establecementos participan este ano nesta iniciativa, prolongando o seu horario comercial ata as 00.00 horas e animados por música, baile, cócteles, degustacións e moitas sorpresas máis.
Ata o 14 de xuño continúa o Festival de Jazz de Primavera.
Bill Evans, Lew Tabackin, Harry Allen ou Kenny Garret serán algúns dos intérpretese que estarán a actuar no emblemático Café Latino para deleite de melómanos de dentro e fóra da cidade.
Do 2 ao 5 de maio chega á provincia unha nova edición da Ourense ICC Week, a semana das industrias culturais e creativas.
O seu programa de speedmeetings, charlas, conferencias e masterclasses reunirá en Ourense a nomes como Ouka Leele, Javier Mariscal ou Gracia Querejeta.
A primavera tamén é un bo momento para descubrir a gastronomía local, chea de sabores frescos e de tempada: froitas, verguras e hortalizas da horta ourensá. Do 3 ao 13 de maio os establecementos da cidade ofrecen menús e petiscos especiais “de primavera” cos que saborear a estación, nun programa que se acompaña de actividades como showcooking ou catas de viños no CC Ponte Vella. Máis info en www.saboresdeourense.www.turismodeourense.gal