Esta finde… running e termas!

O vindeiro 19 de novembro Ourense celebra a súa carreira de San Martiño: 10 km de percorrido polo centro urbano nunha proba que reúne a máis de 10.000 corredores cada ano. Para repor forzas, boa gastronomía e as mellores augas termais, anótaste?

Con máis de 40 edicións ás súas costas, a pedestre popular de San Martiño converteuse nun do clásicos do calendario deportivo galego e unha cita ineludible para os amantes do running. Puntuable para diversas competicións nacionais e coñecida polo bo ambiente que se repite ano tras ano, a proba cobre 10 km de percorrido circular por toda a cidade – unha visita turística moi completa – incluíndo as subidas e baixadas ás emblemáticas Ponte Romana e Ponte do Milenio. Unha forma diferente de descubrir Ourense que, se o voso é o deporte, non podedes perder.

Tanto se xa realizastes a vosa inscrición na carreira coma se estades a pensar en visitarnos por estas datas (como corredores ou, quizais, como público) aquí lembrámosvos as 3 normas básicas que todo corredor deberá ter en conta para gozar ao máximo de Ourense. Garantía de que gocedes dun #PlanPerfecto.

1. Adestrade moito, porque Ourense se presta a iso. Os 12 quilómetros de senda verde nas beiras do Miño (popularmente coñecidos como a «Ruta do Colesterol») son un espazo ideal para saír a correr; seguro, sen obstáculos, e en contacto directo coa natureza. Outro adestramento recorrente é a subida á Ponte do Milenio: decenas de chanzos polas súas pasarelas colgantes que ascenden varios metros sobre o nivel do río. O esforzo recompensarásevos con algunhas das vistas máis bonitas da cidade.

2. Alimentádevos ben e de paso descubride os sabores da mesa ourensá, coñecida pola calidade das súas materias primas. O outono en Ourense é tempada de castañas, cogomelos, carnes cociñadas con agarimo… unha auténtica delicia para os sentidos!

Se ides competir lembrade ademais que o domingo é o día do polbo á feira por excelencia. Ao mediodía poderedes atopar en calquera esquina postos de pulpeiras que vos prepararán unha ración para comer a pé de rúa, para chuchar os dedos!

3. Despois do esforzo, un momento de relax termal; unha experiencia de desconexión e benestar que non vos deixará indiferentes. Ourense conta con varios espazos nos que gozar dun reconfortante baño quente nas súas augas mineromedicinais ao aire libre, nas termas urbanas das Burgas, ou nas ribeiras do río, nas zonas de Outariz, A Chavasqueira ou Muíño da Veiga. Avisados estades: os runners locais aseguran que a auga termal é a mellor prevención para as maniotas do día seguinte…

Sportur, Salón do Deporte e Turismo Activo

Coincidindo coa San Martiño, Ourense estrea a súa primeira feira profesional dedicada ao mundo do deporte e o turismo activo, Sportur. Do 17 ao 19 de novembro tedes unha oportunidade única para coñecer ao detalle a oferta de lecer activo da cidade e provincia, clubs e federacións deportivas, instalacións, rutas, empresas especializadas… Máis dun cento de expositores danse cita nas instalacións de Expourense cunhas xornadas consagrada ao estilo de vida saudable e activo, cun interesante programa de actividades, conferencias e workshops.
+ info en http://www.sporturgalicia.com