Pola mañá
Paseando o Paseo
Podemos tomar de novo a Oficina de Turismo como punto de encontro: nos seus arredores, varias cafetarías ofrecen a posibilidade de gozar dun pracenteiro e relaxado almorzo. Desde aquí tomamos a rúa do Paseo, arteria comercial da cidade, pola que accedemos ao parque de San Lázaro, actual centro urbano. No noso camiño veriamos máis dunha escultura: a primeira que houbo na cidade atopámola nos propios xardíns do Padre Feijóo, dedicada a esta importante figura da Ilustración. Preto, un monólito cun fauno de Quessada. No centro da rúa, un recordo ás leiteiras.
Xa no parque destacan a homenaxe ao Rallye de Ourense na parte inferior, e na superior a estatua do Carrabouxo, protagonista dunha popular viñeta na prensa ourensá. Tamén aquí veremos, case escondida entre modernos edificios, a igrexa dos Franciscanos, trasladada a este lugar no século XX.
Arte relixiosa
Regresando pola rúa de Santo Domingo atoparemos a igrexa do mesmo nome, cuxa austera fachada non trasloce a rica decoración interior. Continuando atravesamos a Praza do Ferro, cuxa fermosa fonte pode ser a referencia desde a cal parten todas as rúas de tapeo e bares, «Os Viños». Pola Rúa da Paz (onde se sitúa o Teatro Principal), chegamos á igrexa de Santa Eufemia. O barroquismo da súa fachada contrasta co clasicismo do interior. Seguindo a ruta das igrexas históricas alcanzamos a igrexa da Trindade, que despois da Catedral é a máis antiga na cidade. Xa só nos faltaría a igrexa de Santa María Nai, que é visitable os sábados pola tarde.
Á beira da Trindade, o instituto Otero Pedrayo (o primeiro que houbo na cidade), e preto del, o Xardín do Posío, con lembranzas dun xardín botánico. Moi preto atópase a Praza de San Cosme, un recuncho onde destaca a súa capela, que alberga un dos beléns máis fermosos de Galicia, obra do escultor Arturo Baltar.
Pola tarde: descubrindo os ríos de Ourense
Se o tempo acompaña (bastante habitual en Ourense, moito máis asollada que o resto de Galicia), podemos dedicar esta segunda tarde a camiñar.
Desde o centro dirixímonos cara ao río Miño, que alcanzaremos á altura da Ponte Vella. Á súa beira, a capela dos Remedios. Un camiño por baixo da estrada conduciranos ao paseo xunto ao río. Dirixíndonos cara á dereita, pasaremos por outras dúas pontes que resaltan no Miño: a Ponte Nova e o viaduto do tren.
Se seguimos ruta augas arriba chegaremos até a presa de Velle, na zona de Oira (ideal para relaxarse no verán, con piscinas ao aire libre). Na aula de Natureza, poderemos aprender e orientar para a descuberta dos encantos da paisaxe de ribeira.
Se pola contra tomamos a canle o río Loña, atravesaremos un carreiro que pasa á beira da ponte medieval homónima. A senda continúa entre muíños até enlazar cun antigo camiño medieval, que nos levará até o conxunto arqueolóxico natural de Santomé. Nel teremos oportunidade de visitar vestixios de construcións celtas e romanas nun frondoso bosque de carballos e sobreiras.
De regreso á cidade, polo mesmo percorrido, deixamos atrás a Ponte Vella para chegar á Ponte do Milenio: podemos ascender polas súas espectaculares pasarelas para gozar dunha panorámica de todo o tramo que percorremos. Desde aquí continuaremos até as termas da Chavasqueira, para finalizar o noso día cun merecido baño.