Martiño, o león do escudo de Ourense, deixou o seu lugar habitual para dar un paseo e saudar a todos os seus amigos agochados polas rúas da cidade: outros leóns pero tamén cervos, aguias, serpes… e mesmo ninfas das augas termais!

Desde Turismo de Ourense propoñémosvos acompañar a Martiño nesta aventura e explorarmos xuntos Ourense desde as vosas casas. Nos vindeiros días publicaremos diferentes probas que teredes que resolver co voso inxenio: abride ben os ollos!

Con cada pregunta e a súa solución Martiño vos dará detalles e historias para que aprendades un pouco máis sobre Ourense; tanto se sodes de aquí como se estivestes de visita ou está nos vosos plans de futuras vacacións.

Convidámosvos a descubrir Ourense acompañando a Martiño na procura dos seus amigos agochados.

Versión texto
fsgs

+ LEÓNS NA PRAZA MAIOR

Se vistes o vídeo, xa atopastes un león “mascarón” na Casa do Concello de Ourense, pero non é o único neste lugar.


Dade un paseo pola Praza Maior e atopade outros tres leóns nalgún dos seus edificios. Lembrade que están na Praza, non teredes que movervos moito!


Se facedes clic no cadrado na esquiña do visor poderedes explorar máis facilmente en pantalla completa.

Xa os atopastes?

Hai 3 leóns mascarón na fachada do centro de exposicións AFundación.

Este edificio tamén é coñecido como “Casa de Fermín García”, o comerciante que mandou contruíla hai uns cen anos. Chama a atención polos seus adornos e cores, e encántannos as súas ventás! Foi deseñado polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías, quen fixo outros moitos edificios en Ourense, construídos nun estilo que se chama “modernista”.

+ UN LEÓN MOI ANTIGO

Esta rúa chámase da “Cruz Vermella” e está ao comezo da rúa do Paseo, un dos lugares máis importantes de Ourense, cheo de tendas.Este recuncho agocha un montón de historias da cidade, por iso está aquí a Oficina de Turismo!Dade unha voltiña virtual para atopar un león moi especial…

Que hai á vosa dereita?

Xa o atopastes?

Un león con espada, e bastante grande!

É moi parecido ao león que aparece no escudo de Ourense pero se vos fixades, aquí non aparecen nin a torre nin a ponte. O motivo é que este é un escudo moi antiguo, da Idade Media: ponte e torre non se engadiron ata moitos anos despois, no século XIX.

E por qué hai un león no escudo? Hai moitos anos o xefe de Ourense era o bispo pero co tempo, os veciños e veciñas preferiron que o seu xefe fose, directamente, o rei. Daquela este era o rei de León, así que por iso estou no escudo e levo coroa, vístela? .

De feito, esta calexa chámase “Fonte do Rei” e, efectivamente, debaixo do escudo hai un cano, aínda que hai xa tempo que non bota auga…

E por certo… Habería leóns en León? Esa é outra historia

+ UNHA SERPE OU, TALVEZ, DÚAS

Continuamos na mesma rúa e damos un pasiño adiante ata chegar á entrada do Centro Cultural Marcos Valcárcel . O edificio é tamén modernista (fixádevos en todos os adornos que hai) e paga a pena facerlle unha visita no futuro: dentro hai cadros, esculturas… e unha colección de trens en miniatura impresionante!Polo de agora quedamos na porta para buscar algunhas serpes. E a vós, gústanvos as serpes? Mirade para arriba.

Atopástelas?

Aquí están. Dúas serpes enroscadas ao redor dun pao ou bastón e, por riba, un casco con ás.

O bastón é, en realidade, una póla de olivo que se chama caduceo e que normalmente se representa como a vedes aquí, acompañada con serpe e un casco alado, como o de Astérix .

O caduceo é o símbolo de Hermes, o deus grego do comercio (Mercurio para os romanos) e por iso é frecuente que os comerciantes o empregasen para adornar as súas casas e negocios. Atopámolo neste edificio porque, antes de centro cultural, foi un almacén e comercio de telas.

O caduceo vémolo na parte superior da ventá: esa zona chámase lintel. Se vos fixades no resto da fachada, todas as ventás superiores teñen linteis cheos de adornos; bonito, verdade?

+ CABALEIRO CON CABALO

Algunhas rúas do centro histórico de Ourense son tan pequenas e estreitas (algo típico nas cidades medievais como a nosa) que paseamos por elas sen apenas decatarnos. Nesta ocasión bordeamos a Catedral pola ruela de San Martiño.Sabedes quen era San Martiño? É o patrón de Ourense e, coma o león do escudo, eu chámome así na súa honra. San Martiño era un cabaleiro que, como non, montaba dacabalo. Aínda que sabemos que están por aquí cerca, non os vemos. Onde se meterían? A Catedral ten unha torre a medio construír que tamén se chama de San Martiño.

Atopástelos?

Agóchanse no alto da torre á vosa esquerda: San Martiño con espada sobre o lombo dun bonito cabalo. Ao seu carón, outra figura que parece un señor.

Segundo di a lenda, un día de inverno hai mooooooitos anos (alá polo século IV) San Martiño, que era un soldado romano, paseaba co seu cabalo cando deu cun pobre. Como ía frío, Martiño colleu a súa espada, partiu a súa capa y deulle a metade ao pobre para que se abrigase. Un xesto solidario que o fixo santo e patrón dunha cidade tamén solidaria.

A San Martiño lembrámolo cada 11 de novembro – festa en Ourense – cando celebramos tamén o Magosto, asando castañas con fogueiras en Montelaegre. Gustánvos as castañas? En Ourense crecen as máis ricas.

Do cabalo non sabemos o nome, querédesllo poñer vós?

+ MUUUUUUU…

Axuda a Martiño a atopar unha vaquiña, está agochada nun crebacabezas!

Atopástela? Sabedes en que lugar de Ourense está?

A vaca agóchase nun mural do escultor Antonio Faílde, na fonte dos xardín que están a carón do pavillón polideportivo dos Remedios. Antonio Faílde foi un escultor importante e podemos ver outras obras súas en varios edificios de Ourense, coñecedes algunha?

O mural representa unha escena tradicional do campo en Galicia: vemos xente con algo que semellan espigas de trigo, outros cargando con cestos, posiblemente cheos de uvas, unha roda de afiar e, por suposto, a vaquiña. Que nome lle ides pór? Marela, Morena, Rubia? Vistes o cuxo que está ao seu carón? Que riquiño!


+ PEIXES FÓRA DA AUGA

Volvemos ás rúas que rodean a Catedral de San Martiño , esta vez preto da porta de de entrada, na fachada que dá ao sur. Este lugar chámase Praza das Damas e hai moitos anos foi a horta con laranxeiras da Catedral, imaxinádelo? Habería que tirar con algún muro, quitar a pedra do chan para deixar terra… Canto mudou Ourense ao longo dos séculos!Sexa como for, non busquedes laranxas porque xa non queda ningunha aquí. O que si que hai son peixes agochados nalgún lugar, poderedes atopalos? Non probedes a mirar na fonte que está aquí preto. Xa vos dixemos que estes peixes nada fóra da auga…

Atopástelos?

Aí os están, tres peixiños campando felices, porque son os protagonistas absolutos deste escudo de pedra. Se reparades ben, ao seu carón vemos dúas serpes, ou se callar son dragóns…

Hoxe este edificio acolle oficinas (é a Confederación de Empresarios de Ourense) pero antigamente era a casa dunha familia nobre, os Gaioso. Para que todo el mundo soubese que esta era a súa casa e que eran unha familia antiga e importante, colocaban o seu escudo ben grande na porta. Tamén hai unha lenda que explica por que hai peixes no seu escudo (en concreto troitas).

Hai moitos anos os mercados celebrábanse na rúa: a Praza do Ferro chámase así porque era o mercado de tixolas, potas e demais obxectos metálicos; a do Trigo, porque alí se vendían os cereais… O mercado principal estaba na Praza Maior e algúns documentos din que aquí, na actual Praza das Damas, se vendía o peixe. Curioso, non si?

Se dades unha voltiña virtual pola zona, temos máis preguntas para vós:

  • Na porta da Catedral hai dous reloxos, védelos?
  • Nalgún edificio tamén descansan uns amigos leóns. A ver se os atopades.

+ UN CABALO EN SANTOMÉ

 

Seguindo o paseo do río Loña subimos ata Santomé, un fermoso bosque de sobreiras, aciñeiras e piñeiros, con restos arqueolóxicos do tempo dos romanos. As vistas da cidade desde aquí son impresionantes.Entre pedras, árbores e érbedos está agochado un pequeno cabaliño, poderedes atopalo?O cabalo non é de verdade, só está pintado. Vedes algún lugar sobre o que se poida debuxar?

Atopástelo?

De atopardes o panel, velaí está o cabaliño, nun recuncho e si, moi pequeniño. É un cabalo importante, o símbolo deste lugar, o conxunto arqueolóxico e natural de Santomé. Por que? Porque durante as escavacións arqueolóxicas aquí atoparon unha peza de metal con esta forma, seguramente un adorno do cinto dalgún romano.

Se reparades no panel, nel aparece debuxado un plano de como eran as casas aquí hai moitos séculos. O máis interesante de Santomé é que aquí a poboación romana convivía cos poboadores castrexos, os “autóctonos” da zona. Iso sabémolo polos obxectos que aquí se atoparon, e tamén pola forma en que se organizaban as casas. Podedes ver as diferencias nestes vídeos do Museo Arqueolóxico de Ourense, como era o poboado romano e como era o castro. Na súa páxina tamén podedes ver fotos dos obxectos atopados e máis vídeos.

Se queredes saber máis sobre Santomé, ademais da páxina web do Museo Arqueolóxico tamén podedes visitar a revista dixital TVTELAE.

+ 3 MONOS QUE NON FALAN, NON VEN E NON ESCOITAN

Seguro que coñecedes ben os emoticonos dos tres monos: o que non ve, o que non escoita e o que non fala. Por estraño que pareza, estes personaxes están connosco desde hai moito tempo. Xa o veredes.


Afastámonos da cidade para ir até Beiro, unha das moitas aldeas que hai nos arredores de Ourense. O que vedes é a súa igrexa, Santa Baia de Beiro. Ademais de moi antiga, é interesante por conservar gran parte do seu estilo románico, que é como se decoraban os grandes edificios na Idade Media.

Ourense é famosa por conservar moita arte románica, e mesmo hai unha ruta que podedes gozar todos en familia. Pero imos á lea.

Nesta igrexa agochouse un dese tres moniños, en concreto o que non escoita. É difícil atopalo, pero tentádeo.

Que son esas cousas que sobresaen por debaixo do tellado?

Atopástelo?

O mono está ben escondido e é difícil de atopar, pero aí está, coas mans tapando os oídos.

Os animais eran moi importantes na Idade Media, e a miúdo considerábase que representaban calidades humanas: a intelixencia do raposo, a paciencia do elefante… Eran moi populares as enciclopedias de animais, tanto fantásticos como reais, que se chamaban bestiarios.

Os artistas medievais inspirábanse nos bestiarios para decorar calquera cousa, e por iso no románico é moi común atopar figuras de animais que hoxe nos chaman moito a atención.

Se reparas, a carón do mono hai outro animal, que ben podería ser un can ou un lobo.

A aldea de Beiro é un lugar bonito para pasear. Aquí atoparedes unha placa do roteiro dedicado ao escritor Carlos Casares, que coñecía ben este sitio. Por Beiro pasean os seus personaxes do can Rin e o lobo Crispí.

+A GARZA GARCÍA

Saímos pasear polo barrio do Couto para chegar até un espectacular edificio con “muralla”. Coas súas torres e ameas, non vos lembra a un castelo? Na actualidade é o colexio Santo Anxo, pero cando se construíu era un asilo para orfas. Mandouno facer a comezos do século XX nada menos que unha marquesa: Ángela Santamarina, a marquesa de Atalaya Bermeja. A súa familia emigrou a Arxentina e alí fixéronse ricos, chegando a fundar preto de Bos Aires (a capital) unha vila con augas termais chamada, como non, Orense.

Neste bonito sitio está agochada unha garza, un deses paxaros de patas moi longas que ás veces podemos ver nas beiras do río Miño. A ver se podedes atopala.

Atopástela?

Non era moi difícil, a estas alturas xa sabedes que os diferentes escudos de Ourense esconden unha chea de animaliños. 🙂
Nesta ocasión atopamos á nosa garza na entrada do colexio. Este escudo, de novo, é como un cartel cos apelidos da familia propietaria: a garza corresponde ao apelido García, a T debaixo os Temes, e a torre da que sae o brazo cunha espada aos Santamarina.

E vós, coñecedes a historia dos vosos apelidos?

O edificio do Santo Anxo, que nos gusta unha chea, foi deseñado polo famoso arquitecto Vázquez Gulías, do que xa visitamos algúns dos seus edificios.

+NA PROCURA DE DRAGÓNS

Paseando polo Centro histórico de Ourense chegamos até a praza de Pena Vixía, que se cadra vos soa porque por aquí andaron os protagonistas da novela A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, unha das máis importantes da literatura galega. Existe un roteiro polos diferentes escenarios da novela que podedes percorrer en familia.

Pena Vixía chámase así porque posiblemente aquí houbo unha torre de vixilancia hai moitos anos, construída para defender a cidade. Sabiades que antigamente Ourense tiña muralla?

Por riba de Pena Vixía, a rúa de Hernán Cortés, onde se agocha nada menos que un curioso dragón. A ver se o atopades.

Atopástelo?

No número 47 está o dragón, enriba do que semella un anxo (polas ás) tocando algún instrumento. Non parece un dragón moi fero, xa que no canto de estar a botar lume o que fai é morder a súa propia cola.

Cando se representa así un dragón chámaselle “uróboros”, unha palabra moi rara que vén do grego e que significa iso mesmo, “morder a cola”.

O uróboros é un símbolo moi antigo que aparece en moitos manuscritos e mesmo se atopou un na tumba de Tutankamón. Utilízase para representar o ciclo eterno da natureza: como o sol sae todos os días polo leste e se deita polo oeste, como ao verán lle segue o outono e a este o inverno… Ao uróboros tamén o atoparedes na portada da famosa novela de Michael Ende A historia interminable. É moi famoso!

Aquí o uróboros forma parte da decoración desta porta, indicándonos que esta casa é moi antiga e que pertenceu no seu momento a alguén importante. É a casa da familia dos Cardóniga, uns nobres moi famosos en Ourense e protagonistas dalgunha historia escura, violenta e desagradable. Aquí non vola contaremos, pero se tedes curiosidade podedes consultar con algún adulto a ruta por Ourense que o colectivo A Bela Auria elaborou con varias lendas negras, incluída esta. Aos Cardóniga chámanos os “dráculas”!