Nadal #ConLuzPropia en Ourense

Ourense engalánase de luz e cor para recibir o Nadal, sen dúbida unha das nosas festas favoritas do ano. Descubre todas as sorpresas que aquí che agardan e anímate a gozar dun Nadal diferente á calor das augas termais.

Dúas citas marcan o comezo do Nadal na cidade das Burgas: o acendido das luces, que terá lugar o 5 de decembro a partir das 19.00 h na Praza Maior, e a inauguración do Belén de Baltar o 13 de decembro, que coma todos os anos estende o seu horario de visitas: unha xoia da arte galega e auténtico símbolo do Nadal ourensán que non podedes deixar de visitar.

Luces e cores inundan estes días a cidade, convidando a paseala con calma para gozar do ambiente de Nadal, onde non faltarán o teatro de rúa, a ambientación musical, o aroma das churrerías e os postos de castañas. Os selfies máis procurados serán sen dúbida os da gran árbore da Praza Maior, o poboado de Nadal instalado nos Xardíns do Padre Feijóo, a carón da Oficina de Turismo, e o Xardín Xaponés, no Parque de San Lázaro. Aquí, por primeiro ano, instalarase una carpa con dispositivos de realidade aumentada onde interactuar cos protagonistas destas festas, Papá Noel e os Reis Magos.

Neste programa de Nadal, máis de 400 actividades, non poden faltar clásicos coma o videomapping sobre a fachada da Casa Consistorial (os días 21 e 28 de decembro e 4 de xaneiro), a 15ª edición da Mostra Infantil de Teatro, o tradicional Certame de Vilancicos e Panxoliñas, na Igrexa de Santa Eufemia e a visita do Ballet Nacional Ruso de Serguey Radchenko, que representará no Auditorio as obras O lago dos cisnes e A Cincenta os días 12 e 13 de decembro respectivamente.

Deporte e termalismo tamén teñen o seu espazo este Nadal, con propostas coma as sesións de ioga termal nas Burgas (todos os sábados de decembro), o Festival de Natación Artística ou a Carreira de San Silvestre. Os espazos termais manterán os seus horarios habituais de apertura, aínda que tede en conta que os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro a piscina das Burgas permanecerá pechada.

A esperada Cabalgata de Reis do día 5 acabará cun espectáculo de fogos artificiais sobre o Miño coma o broche final a estas festas.

COMERCIO LOCAL, PASAPORTE AOS SOÑOS

O comercio local ourensán é tamén protagonista este Nadal, nunha cidade de escaparates e agradables rúas comerciais que é unha auténtica delicia para os amantes do shopping. Para premiar a confianza nos establecementos de proximidade, Ourense repite a campaña “Pasaporte aos soños”, onde as vosas compras entrarán nun sorteo de agasallos que inclúen viaxes, estadías en balnearios e comidas e ceas en establecementos de restauración locais.

A Praza de Abastos tamén conta cunha programación especial para estas datas, con obradoiros e actividades infantís, e amplía os seus horarios, abrindo os domingos 23 e 30 de decembro. Se vos achegades por alí, non esquezades participar no seu concurso de fotografía de Nadal, co que poderedes gañar lotes de productos.

Descargar programa