Ourense Capital do Nadal

Este Nadal anímate a descubrir Ourense. A cidade encheuse de luces, cor e moita ilusión para celebrar estas datas tan especiais, con multitude de propostas para gozar en familia.

Coas súas rúas iluminadas, o son das tradicionais panxoliñas e o vapor das augas termais enchendo a cidade de calor, Ourense é un destino perfecto para gozar dun Nadal inesquecible en familia, con multitude de actividades para todos os públicos coas que descubrir a Capital Termal de Galicia.

Un clásico do Nadal en Ourense é achegarse a visitar o precioso Belén de Baltar, na Praza dos Santos Cosmede e Damián. Auténtica xoia da arte galega, este conxunto reúne máis dun cento de figuras de barro, obra do escultor Arturo Baltar, nunha composición que  vai moito máis aló da clásica representación do nacemento de Xesús, incluíndo numerosas escenas do Ourense de outrora: os traballos do campo, a taberna, os nenos xogando na praza. Ata o 8 de xaneiro amplía horarios e, ademais, a visita é gratuíta (de 11.30 a 14.00 h e de 17.30  a 20.30 h). No entanto, lembrade que a tradición belenista da cidade non acaba aquí: nestas datas celébrase o certame municipal de beléns, unha cita con máis de dúas décadas de historia e moi popular en Ourense, con decenas de nacementos abertos ao público para visitas.

O paseo ata a praza de San Cosmede e San Damián, ao final do Centro Histórico, é unha oportunidade ideal para gozar da iluminación do Nadal ou mesmo conseguir o selfie perfecto nalgún dos escenarios do Nadal que atoparedes polas rúas ourensás: Papá Noél cos seus renos xunto á piscina termal das Burgas ou os camelos dos Reis Magos tomando un descanso nos Xardíns de Padre Feijóo, xunto á Oficina Municipal de Turismo. Ademais, teredes a oportunidade de ver o espectáculo de teatro de rúa «Buscando o Nadal», unha divertida montaxe onde tres personaxes percorren os principais espazos e monumentos de Ourense (a modo dunha curiosa visita guiada) buscando o lugar perfecto para a estrela de Belén. O cheiro a castañas asadas dos postos da rúa ou o sabor dun chocolate quente, un delicioso costume do Nadal ourensán, acabarán de contaxiarvos o espírito festivo dunha cidade que brilla con luz propia nestas datas.

O Nadal enche Ourense de luces, maxia e cor. Non perdades o espectacular videomapping na Praza Maior, con fermosas animacións proxectadas sobre a fachada da Casa Consistorial que vos convidarán a deixar voar a imaxinación. Os días 22 e 29 de decembro e o 4 de xaneiro ás 20.00 e 21.00 h

Teatro e música copan a axenda de eventos para estes días, empezando pola nova edición da MOTI, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que arrincará o día 26 de decembro. A partir do día 17 a Igrexa de Santa Eufemia convértese no escenario do certamente de villancicos e panxoliñas, xa na súa 23ª edición, con actuacións repartidas ao longo de case dúas semanas. Outros escenarios urbanos acollerán os concertos do Nadal de Emilio Rúa, María do Ceo ou Priscila, entre outros.

Toda a información sobre as actividades programadas podédela atopar na nosa axenda.