Ourense celebra o turismo gastronómico en XANTAR
Do 6 ao 10 de febreiro a cidade acolle a súa gran festa dedicada á gastronomía, XANTAR: unha feira que volve cunha morea de propostas para os viaxeiros gourmet: menús, catas, degustacións, obradoiros de cociña ao vivo...
A feira internacional de turismo gastronómico XANTAR cumpre 20 anos e celébrao ao grande, cun programa con máis de 100 actividades que farán as delicias dos padais máis esixentes. A gastronomía galega, pero tamén a de Castela e León, Portugal e Latinoamérica -incluíndo a Brasil, país convidado este ano- poderá degustarse da man dos 15 restaurantes que trasladarán as súas cociñas ao recinto feiral de Expourense do 6 ao 10 de febreiro.
Maridaxes, degustacións, conferencias de expertos, presentacións de produto e obradoiros de cociña ao vivo sucederánse ao longo de cinco días de intensa actividade. As tres aulas de cociña da feira contarán coa presenza de recoñecidos chefs coma Carlos Maldonado, gañador de Master Chef España 3 –un dos showcookings máis agardados- ou os dos membros do recentemente creado grupo Cociña Ourense, unha asociación que reúne a destacados profesionais da provincia na defensa e posta en valor da gastronomía local.
O viño tamén terá un protagonismo especial na feira, algo lóxico nun dos territorios con máis tradición vitivinícola de España. Nesta edición máis de 60 adegas das 4 D.O. da provincia estarán representadas e desenvolverán catas e outras actividades.
Sabores de Ourense en XANTAR
A oferta gastronómica local estará presente con dous restaurantes que representan á perfección a identidade e carácter da nosa cociña. O restaurante #SaboresdeOurense ofrece a posibilidade de volver degustar algúns dos petiscos premiados na última edición do Concurso Sabores de Ourense, incluíndo a “Mantiña de Castañas” coa que Ourense agasallou ao público de FITUR o pasado mes de xaneiro. Propoñen un delicioso menú con catro pinchos acompañados do sempre imprescindible polbo á feira, bebida e sobremesa.
Pola súa banda, o restaurante Ourense Capital Termal propón duos menús que renden tributo á calidade das materias primas que caracteriza a gastronomía ourensá: un cocido que evoca a xa próxima festa do Entroido, e un segundo menú protagonizado polas mellores carnes da provincia.
XANTAR tamén na cidade
XANTAR traspasa as paredes do recinto feiral e trasládase tamén aos restaurantes da cidade, que ao longo da semana ofrecerán menús especiais a prezo pechado cos que continuar a experiencia gastronómica.
Vive a experiencia XANTAR
Para ponérvolo sinxelo, XANTAR pon á vosa disposición unha serie de paquetes especiais con todo o que precisades para planear unha escapada a Ourense: estadías de un ou dous días que inclúen visitas guiadas, experiencias termais, comida ou cea nalgún dos restaurantes do Salón e acceso libre a todas as actividades da feira.
Paquetes especiais Xantar 2019