Plans para un Nadal en Ourense

Encántannos estas festas e encántanos Ourense. Queremos compartilas contigo.

Desde o 5 de decembro, Ourense vístese de Nadal. Son días máxicos na cidade das Burgas, onde a pesar do frío séntese a calor e o bo ambiente destas festas. A música e a cor, o recendo das churrarías e os postos de castañas ou o cálido vapor das augas termais son ingredientes imprescindibles para encher de maxia unha cidade que estes días zumega de actividades. Deixámosvos aquí algunhas propostas para gozar dun Nadal diferente na capital termal de Galicia.

Belén de Baltar, símbolo do Nadal en Galicia

De 11.00 a 13.30 e de 18.30 a 21.30 h (do 20 de DECEMBRO ao 6 de XANEIRO)

Este conxunto de máis dun cento de figuras de barro cocido (obra do escultor ourensán Arturo Baltar) destaca tanto pola súa beleza como pola súa singularidade, trasladándonos ao Ourense de outrora. Nel poderanse atopar tanto figuras relixiosas como outras que ninguén imaxina: xogos na praza, o fotógrafo ambulante, os labores do campo, a taberna, o forno, os habitantes dos camiños… A súa visita é unha invitación á nostalxia, ademais dunha magnífica representación da Galicia máis tradicional: imprescindible!

  • Os días 25, 1 e 6 abrirá só de tarde

Roteiro Belenista

Ourense conta cunha longuísima tradición presebista, como amosa a alta participación que cada ano rexistra o concurso municipal, con máis de dúas décadas de traxectoria. Asociacións de veciños, culturais, centros de ensino, institucións relixiosas e mesmo particulares abren ao público as súas creacións nestas datas. Tampouco faltan á súa cita do Nadal clásicos como a exposición de beléns do mundo que organiza o Bispado ou o Belén do Milo, no barrio do Couto, onde entre as tradicionais figuras atoparedes outras como as fontes das Burgas ou a Igrexa de Fátima.

Plans con nenos

Se alguén goza estas festas, eses son sen dúbida os cativos da casa, contaxiándonos sempre da súa ilusión. Ademais de visitar os seus personaxes favoritos do Nadal (Papá Noel e os seus elfos, paxes e Reis Magos), nenos e nenas pasarano xenial na pista de xeo do Centro Comercial Ponte Vella ou en Pazolandia, o parque de atraccións instalado no Paco Paz. O Parque Ferroviario Carrileiros da Foula tamén amplía horarios para que todos poidades montar no seu tren Orient Express e acudir ao seu vagón postal a deixar as vosas cartas.

Espectáculos de Nadal

O Auditorio Municipal programa dous clásicos imprescindibles do ballet, O Crebanoces e A Bela Dormente, ambos os dous interpretados polo Ballet Nacional Ruso. O 23 de decembro tamén se poderá ver Pequebaila, o Musical de Nadal, unha experiencia para toda a familia. Tampouco faltará á súa cita do Nadal a MOTI (Mostra de Teatro Infantil de Ourense), con actuacións do 26 ao 30 de decembro. O día de Reis (6 xaneiro), o auditorio programa unha gala especial coa zarzuela como protagonista.
+ info en ourensecultura.com

Animando o Nadal: volve o videomapping

A fachada da Casa Consistorial na Praza Maior volve converterse nun improvisado lenzo para deixar voar a imaxinación cun espectáculo onde imaxe e son trasládannos a un nadal máxico. Os días 21 e 27 de decembro e 3 de xaneiro haberá espectáculo de videomapping con 3 pases diferentes (20.00, 20.30 e 21.00 h). A proposta é un complemento ideal para gozar do ambiente nas rúas, cheas de luz e cor. Non esquezades facervos o voso mellor selfie na gran bola do Nadal xunto ao Parque de San Lázaro!

En Nadal, comercio local

O comercio ourensán é tamén protagonista estas datas, nunha cidade de escaparates e agradables rúas comerciais que é unha auténtica delicia para os amantes do shopping. Os establecementos da zona centro convídanvos a descubrir a maxia do Nadal cunha campaña especial que inclúe sorteos, espectáculos de maxia, desfiles e unha visita moi especial de Papá Noel.
Para os que queiran encher estas festas de sabor, é obrigatoria a visita á Praza de Abastos, onde tamén contan con programación especial para estas datas, con obradoiros e actividades infantís e mesmo unha exposición de xoguetes.

Descarga o programa oficial de Nadal
PROGRAMA