Os Maios, Festa de Interese Turístico

O primeiro fin de semana de maio, coa celebración da tradicional festa dos Maios, é o momento ideal para facer unha escapada e descubrir Ourense na primavera.

Calquera momento do ano é bo para escapar a Ourense, pero sen dúbida a primavera ten un encanto especial, coas suaves temperaturas, os días máis longos e a natureza en todo o seu esplendor. Precisamente a natureza é a protagonista das celebracións coas que a cidade dá a benvida a esta estación: a festa dos Maios, que foi declarada Festa de Interese Turístico en Galicia.

Celebrada o primeiro domingo do mes de maio, esta festa anuncia o esplendor das flores e a despedida do cru inverno. De orixe incerta, o rito celébrase desde tempos moi remotos en varios lugares de Galicia, aínda que en Ourense ten un carácter destacado e senlleiro.

Este domingo 1 de maio, desde as 11:30 da mañá, as esculturas vexetais realizadas a man con brión, flores e carrabouxos ocuparán toda a rúa do Paseo exhibindo as súas formas, tradicionais (piramidais) ou artísticas. Estas figuras ou maios estarán acompañados sempre do canto das coplas: versos satíricos sobre a actualidade política e social que a tradición manda vender a cambio dun aguinaldo.

Xa desde o mediodía, un desfile de cabezudos acompañados con música de gaiteiros amenizará a xornada festiva mentres os xurados valoran os participantes (repartiranse 15.000 € en premios), que se prolongará pola tarde coa entrega de premios e o canto das coplas finalistas nos Xardíns de Padre Feijoo ás 18:00 e unha actuación dun grupo de música tradicional ás 19:00.

Os Maios son, sen dúbida, unha das tradicións máis arraigadas e coloristas de Ourense e garanten unha xornada de festa e diversión para todos. Ademais, ese mesmo día, por ser primeiro domingo de mes, a Praza Maior tamén acolle o mercado de antigüidades, un rastro con cheiro a vello que namorará a curiosos e nostálxicos: mobles, cerámica, filatelia, numismática… Tamén coincidirá a edición anual da Feira de Artesanía: unha oportunidade ideal para atopar pezas únicas, feitas a man, con agarimo e moito oficio.

Maios, mercados… Se a iso se lle engade a abundante oferta gastronómica local con produtos de tempada, unha axenda cultural repleta de espectáculos (como o Festival de Jazz, concertos de música clásica ou a Mostra de Teatro Universitario), que as termas nesta época están a unha temperatura ideal para darse un baño, ou que coa chegada da AVE a cidade nunca estivo tan preto nin tan ben conectada… estaremos de acordo en que Ourense é o destino ideal para unha escapada de fin de semana primaveral. Ven coñecer esta cidade, o Corazón do Camiño.