Biblioteca Pública Nós
Rúa do Canle, 6, 32004
Inverno: Luns a Venres: 9.00 a 21.00 h. Sábado: 10.00 a 14.00 h. Domingo e Festivo: Pechado. Verán (xullo e agosto): Luns a Venres: 8.30 a 14.30 h. Sábado, Domingo e Festivo: Pechado.
A biblioteca pública "Nós" (inaugurada en 2019) convídanos a todos "nós" á lectura.
A primeira biblioteca de Ourense fundouse en 1845. Os seus fondos albergaban os arquivos dos mosteiros desamortizados, pero en 1927 un incendio no edificio (hoxe Instituto Otero Pedrayo) destruíu gran parte do fondo e só se puido salvar un número reducido de exemplares.
Tras pasar por dúas novas localizacións, en 2019 inaugurouse a súa sede actual no complexo cultural de San Francisco. Por proposta popular púxoselle do nome de Biblioteca Pública do Estado en Ourense Nós, en referencia á xeración de intelectuais ourensáns que destacaron ao redor da revista homónima.
Esta biblioteca é unha das referencias culturais da cidade grazas á cantidade e variedade de propostas que ofrece: obradoiros, exposicións, actividades para todas as idades…
Actualmente conta con máis de 160.000 libros, aos que se suman revistas, xornais e documentos audiovisuais. No seu andar baixo recíbenos un espazo diáfano no que se atopan unha bebeteca, sala infantil e xuvenil, unha comicteca e espazos multiusos. Nos dous andares superiores distribúense os fondos temáticos, salas de lectura, sala de publicacións periódicas e acceso público a Internet.
Ademais do seu fondo documental, organiza numerosas actividades para todos os públicos como contacontos, animación á lectura e exposicións temáticas. E tamén pon a disposición as súas instalacións para a organización de eventos. Desta forma, esta biblioteca converteuse nun espazo multidisciplinar que busca ser un lugar onde os lectores, e quen non o son tanto, teñan un espazo libre e gratuíto no que gozar da cultura e o saber.
O edificio
Trátase dun edificio de nova construción de liñas rectas. O seu interior caracterízase por espazos diáfanos nos que destaca a iluminación natural. Na súa fachada unha malla de aceiro inoxidable fai de muro cortina, regulando a iluminación e exercendo de protección solar. O proxecto final, obra dos arquitectos José Manuel Casabella López e José Luís Martínez Raído, aposta pola mellora enerxética e a sustentabilidade, aproveitando a auga de choiva para un alxibe, captadores solares para proporcionar auga quente e paneis fotovoltaicos para a produción de electricidade.
Horario
Inverno: Luns a Venres: 9.00 a 21.00 h. Sábado: 10.00 a 14.00 h. Domingo e Festivo: Pechado.
Verán (xullo e agosto): Luns a Venres: 8.30 a 14.30 h. Sábado, Domingo e Festivo: Pechado.
Acceso: gratuíto.