Casa Consistorial

Praza Maior, 1, 32005

988 388 100

www.ourense.gal

A actual Casa Consistorial é a terceira na historia da cidade, substituíndo as construídas nos séculos XVI e XVIII.

A Casa Consistorial, centro do goberno da cidade, preside a Praza Maior de Ourense coa súa fachada clasicista. Rematada en 1889, foi a terceira que tivo a cidade, despois de que as ampliacións, derribas e o paso do tempo fixesen desaparecer as anteriores, de 1519 e 1698.

O Concello levantou a súa primeira casa consistorial entre os anos 1516 e 1519. É posible que nela participase Rodrigo de Badajoz, autor do ciborio da Catedral. Até ese momento, as reunións do consello representante do poder civil tiñan lugar en atrios de igrexas e prazas, como a próxima Alameda. O edificio pronto será obxecto de ampliacións ata que en 1698 imponse a construción dun novo. Finalmente será máis unha reforma do antigo que un novo edificio; o encargado de levala a cabo é Castro Canseco, nunha das súas primeiras incursións arquitectónicas.

En 1873 un derrubamento obriga a levantar un terceiro edificio. En 1873 un derrubamento obriga a levantar un terceiro edificio. Este termínase en 1889. En 1947 unha prolongación dentro do mesmo estilo terminou por delimitala. Por iso no proxecto actual interveñen varios autores, empezando por Enrique Trompeta, pasando por José Antonio Queralt, e terminando con Mariano Rodríguez Sanz. Así temos unha fachada clasicista con baixo porticado e interesante artesoado.

Antes de contar con edificio propio, o consello gobernador da cidade reuníase en atrios de igrexas ou prazas, como a Alameda do Concello, que toma o seu nome destas sesións.

A actual fachada está rematada con reloxo e brasón de Carlos II. En cambio, os símbolos do escudo da cidade (a torre, a ponte e o león) atópanse como detalle nas varandas dos balcóns da primeira planta, tanto en portada como laterais. Á esquerda da porta principal atópase unha placa do Instituto Xeográfico Nacional que lembra a altitude da cidade sobre o nivel do mar (135 m) así como a súa latitude e lonxitude.

O interior organízase ao redor dunha maxestuosa escaleira central pola que se accede ao Salón Nobre, presidida por unha impoñente cristaleira co escudo da cidade.