Parque Ferroviario Carrileiros

Rúa do Canle, 4, 32004

Domingo: 11:30 a 13:30 h. Agosto: Pechado.

https://carrileiros.com/

Inaugurado en 2003, o Parque Ferroviario dos Carrileiros está dedicado ao mundo do tren en miniatura. É unha actividade perfecta para visitar cos máis pequenos da casa.

Ourense ten cunha gran tradición ferroviaria que se remonta a 1881, ano no que chegou a primeira vía desde Vigo. En 1957 inaugúrase a primeira liña directa con Madrid, convertendo a Ourense no nó de conexión de Galicia co resto da península. Posición que se consolida até os nosos días coa chegada do AVE en 2021.

O legado ferroviario de Ourense pódese apreciar de formas moi variadas: a través de infraestruturas coma o viaduto ou as estacións de tren de San Francisco ou A Ponte; a través de locomotoras a tamaño natural (como a existente fronte á estación) ou mesmo máquinas de tren a escala. Neste caso pódense admirar maquetas a escala H0 na Colección de Trens COFEPO ou os mini trens do Parque Ferroviario Carrileiros.

Xunto á súa colección de elementos ferroviarios, este parque caracterízase polos seus vistosos trens en miniatura (nos que poden montar nenos, adultos e mesmo mascotas).

O Parque Ferroviario Carrileiros foi inaugurado en maio de 2003 (e remodelado en 2011). É de titularidade municipal pero está xestionado pola asociación sen ánimo de lucro Ferrocarril Central de Galicia (Carrileiros). Nos seus 4.000 metros cadrados recréase un circuíto de ferrocarril con 470 metros de vía. Túneles, pasos a nivel, viadutos, cambios de agulla, estacións… Pero sobre todo ferrocarrís en miniatura que teñen unha escala suficiente para transportar pasaxeiros. As locomotoras son réplicas de máquinas reais, os vagóns son plataformas planas con estribos para apoiarse, e as vías, neste caso, teñen un ancho de 5 polgadas.

O acceso ao parque é libre e gratuíto, pero para subir ao tren (apto para nenos, adultos e mascotas) débense comprar os billetes no portelo habilitado e gardar a súa quenda no apeadeiro. A zona do despacho de billetes conta ademais cun pequeno museo con obxectos ferroviarios.

Unha vez ao ano realízase a Festa dos Trens: un espectáculo ferroviario único no que participan asociacións e afeccionados de toda España e Portugal. Ademais, na época do Nadal reciben a visita do Orient Express, tren histórico que posúe un vagón especialmente preparado para que os máis pequenos poidan depositar as súas cartas a Papá Noel, os Reis Magos ou o Apalpador.

Na páxina web desta asociación dispoñen ademais de material divulgativo para aprender máis sobre o ferrocarril dunha maneira divertida, como son uns simpáticos recortables de estacións e locomotoras.