Seixalbo
Núcleo rural de orixe medieval en pleno Camiño de Santiago. Declarado de interese etnográfica, conserva magníficas mostras de arquitectura tradicional.
O núcleo de Seixalbo recibe os peregrinos que chegan a Ourense facendo o Camiño de Santiago. Forma parte da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe e sitúase no que outrora foi Camiño Real a Castela. De orixes medievais, foi recoñecido de Interese Etnográfico e conserva a súa traza orixinal, con boas mostras de arquitectura tradicional labrega. Casas de pedra con arcadas e galerías, recunchos con moita historia e estreitas ruelas esperan en Seixalbo a seren descubertas.
De especial interese é a Igrexa de San Breixo, de orixe románica. Nos arredores, sobre un promontorio, atópase tamén a capela de Santa Águeda, cunha fermosa panorámica da cidade. No mes de febreiro o seu atrio acolle unha romaría popular en honra á santa.
Os Foros de Seixalbo
Seixalbo foi desde a Idade Media terra humilde de campesiños dedicados ao cultivo do viño; na súa maior parte xornaleiros que traballaban as terras propiedade do Cabildo Catedralicio. Os seus veciños teñen a honra de seren os primeiros en toda Galicia en rebelarse contra o Bispo e negarse a pagar os foros ou tributos que este lles esixía. En 1859, despois de máis de dúas décadas de preitos, conseguen a exención dos foros cen anos antes que outras zonas de Galicia.
Este fito aínda se lembra e homenaxea cada ano coa Festa dos Foros. Celébrase a finais de xuño e é organizada pola Asociación Cultural Agromadas.
Un paseo por Seixalbo
Parque da Infesta
Casa do Coronel Abelardo Arce
Praza das Laxas
Igrexa de Seixalbo
Casa parroquial
Praza de Freire Carril
Rúa da Tulla
A Requeixada
Rúa de Amendo
Canella do Lagar
Praza do Cabildo
Rúa das Oliveiras
Praza Maior
Rúa Maior
Museo Circo de los Muchachos
Espazo público onde Seixalbo celebra o seus eventos e festas, coma a de San Xoán ou a cea de confraternización de San Breixo, patrón da parroquia.
Na entrada, unha vella prensa restaurada lémbranos que este lugar foi terra de viño e viñedos.
Hoxe centro cívico e veciñal, no seu momento a súa construción constituíu un símbolo de modernidade. Rivaliza visualmente coa torre da igrexa e contrasta coas antigas galerías de pedra das casas da Rúa Estreita, ao seu carón.
Nesta pequena praza construída sobre penedos érguese unha das poucas casas con escudo de armas: á esquerda o brasón dos Nóvoa, e á dereita o dos Henríquez. Dende aquí enxérgase xa a Rúa Maior, lugar de tránsito das procesións relixiosas. O fondo da costa leva o nome de Ponte do Río, pois houbo alí unha ponte que cruzaba o regato.
A súa fachada, obra de Vázquez Gulías, é de comezos do XX e substituíu outra anterior de estilo románico. O reloxo, pagado «a escote» pola veciñanza, marcou o ritmo das tarefas do campo durante todo o século pasado e foi un elemento crucial nas quendas de rega.
No interior do templo destaca o gran arco de ferradura reconstruído e a capela de San Roque, de estilo plateresco (s. XVI).
Foi hospital de peregrinos, do que se conserva o arco de entrada. Canda a ela, uns chanzos de pedra baixan á que foi durante anos a única fonte pública do núcleo, hoxe integrada nun parque infantil.
O seu nome fai referencia a quen durante anos liderou a loita veciñal contra a Catedral pola exención dos foros. Recentemente reformada, foi unha antiga aira con fonte, logo transformada en lavadoiro.
Os corredores sustentados sobre grandes pedras foron moi frecuentes en Seixalbo. Os da casa da Valencia Cerviño son un bo exemplo, aínda que non os máis antigos que se conservan. Até o século XIX era común que estes canellóns estivesen cubertos por casas que pasaban dun lado a outro da rúa. Neste recuncho aínda se conservan dous exemplos deses pasadizos.
É sen dúbida unha das zonas máis antigas do núcleo, onde a estreitez das rúas obrigaba a protexer as esquinas das casas do paso dos carros. Quedan aquí restos dunha gran casa con patio e forno, do que aínda se aprecia a parede curva exterior.
Paga a pena percorrer esta vella rúa, antigamente principal saída do núcleo cara a Castela. Conserva casas con corredores de pedra e cantóns, pequenas rúas sen saída. Dende un extremo pódese albiscar o outeiro onde se ergue a capela da Santa Águeda, lugar de romaría e excelentes vistas.
Neste fermoso recuncho contrastan as casas grandes e robustas dos labregos coas pequenas casiñas ocupadas polos xornaleiros.
Lugar que evoca aínda vivamente os ecos da relación de Seixalbo coa Catedral. Consérvase a Tenencia, gran almacén onde se recollía o viño dos foros. Nela celébrase hoxe a Festa dos Foros, na que se lembra o fito histórico que foi a exención do pago das rendas ao bispado.
Esta rúa conserva algúns dos elementos construtivos máis característicos das casas de Seixalbo até o século XIX: as escaleiras de pedra por fóra e as galerías.
Noutros tempos Aira Vella, aquí estivo o Pazo Vello, casa nobre adquirida e desmantelada durante a Desamortización. A ela deberon pertencer os escudos de armas que presiden unha das fachadas, todos do século XVI. Nesta praza, escavada na rocha, atopábase a antiga taberna de poxa para a explotación e o lugar de reunión do concello. No centro, un fermoso cruceiro con catro medallóns cos símbolos dos evanxelistas.
Por ela discorría o antigo Camiño Real até a contrucción da estrada Vigo-Villacastín. Aquí ábrense dous cantóns: o da Cadea, chamado así porque aquí se atopaba o antigo cárcere, e o do Forno.
A un paso da zona monumental de Seixalbo, en Bemposta, atópase unha visita singular: a antiga Ciudad de los Muchachos. Percorre parte da antiga poboación e descubre a súa historia no Museo do Circo de los Muchachos.
Roteiro pola contorna verde que rodea a cidade, entre natureza e pequenos núcleos de poboación onde aínda se pode gozar da arquitectura tradicional do rural galego.