Semana Santa en Ourense

A primavera xa chegou á cidade das Burgas e agasállanos cunha Semana Santa de sol e bo tempo. Aquí vos deixamos algunhas pistas para gozar destes días en Ourense, incluíndo as procesións e os fermosos pasos. Non vos perdades o domingo 17 a peculiar Cerimonia do Desplante, algo único en España.

Procesións e actos relixiosos

Ourense inaugura a súa Semana Santa o Domingo de Ramos, cunha multitudinaria bendición no Parque de San Lázaro seguida de procesión até a Catedral.
As principais procesións sucederanse a partir do Xoves Santo, cando saen a rúa os tradicionais pasos: a Santa Cea, o Xesús Nazareno, o Santo Cristo ou o Santo Cristo do Perdón… Destaca a última procesión do Domingo de Resurección, na que a imaxe de Santa María Nai é portada até a Catedral de San Martiño. Ao seu retorno, logo da Misa e aos pés da escalinata da Praza Maior, prodúcese a curiosa Cerimonia do Desplante, na que o Cabildo Catedralicio négalle o paso á Corporación Municipal. Un xesto simbólico que evoca o pasado de liortas e enfrontamentos entre o poder civil e o eclesiástico que tanto marcou a historia da cidade.
Programación do Bispado de Ourense

Visitas e rutas turísticas

  • Visitas guiadas polo Centro Histórico · De xoves a domingo ás 11.00 e 16.00 h con saída na Oficina Municipal de Turismo · 12 € / persona (inclúe Catedral)
  • Visita guiada Ourense Monumental · 8-14 abril (todos os días) · 11.30 e 17.30 h
  • Ruta Castro de Santomé · 8-14 abril (todos os días) · 11.30 e 17.30 h
    • + info, prezos e outras propostas en turismo@xeitura.com 607 474 976

Termas de Ourense

As instalacións termais de Ourense comezan a Semana Santa a pleno rendemento, listas para uns días nos que o tempo promete acompañar con sol e temperaturas cálidas. Ora cun baño na piscina urbana das Burgas ou nas marxes termais do Miño, mergullarse nas aguas que dan fama á nosa cidade é unha experiencia que non podedes perder. Na Estación Termal de Outariz veñen de ampliar horarios para estes días.

Gastronomía

Coa vindeira edición do Concurso de Pinchos Sabores de Ourense xa á vista (será do 27 de abril ao 7 de maio) as cociñas da cidade xa deron a benvida aos sabores de primavera, especialmente as verduras de tempada. Co bo tempo, as terrazas xa saíron á rúa, un plan perfecto para o vermú do mediodía ou as cañas de última hora da tarde. Imperdibles son as de Santa Eufemia, Eironciño dos Cabaleiros, Praza do Ferro e, por suposto, o espolón da Praza Maior.