Torre de Baño

Ourense agradece e exalta a Obdulia Díaz e a súa filla Lola, dúas mulleres que forman parte da historia da cidade.

ESCULTURA “TORRE DE BAÑO”
Autor: Manuel Penín, 2011
Localización: Praza Saco e Arce, Ourense

A escultura “Torre de Baño”, do artista ourensán Manuel Penín, está inspirada no seu recordo persoal da señora Obdulia baixando lavar ás Burgas, rodeada dunha prole que non era súa pero á que quería como propia.

Fotografía de Obdulia de moza (cedida pola familia)

Obdulia Díaz Picouto naceu en 1907 e vivía na zona antiga de Ourense, concretamente ao final da rúa Cervantes lindando coa rúa Pelayo, nunha casa moi vella cunhas escaleiras que renxían ao pisalas. Ela moraba no último andar e a súa filla Lola no segundo.

Foi cociñeira do gobernador en época da República, quen lle regalou unha radio e concedeulle permiso para ter unha lámpada cando a luz non era habitual nas casas ourensás.

En 1937, Obdulia quedou viúva ao levaren os falanxistas ao seu marido Eduardo Nóvoa González tras unha denuncia dun tendeiro da zona por envexa cara a el.

Fotografía de Obdulia Nóvoa Picouto en reportaxe de 1970 (cedida pola familia)

Obdulia, ademais de viúva, tiña unha condición de saúde que lle impediu cotizar non máis de tres anos, polo que sobrevivía cunha ínfima pensión da beneficencia franquista; ademais, exercía de lavandeira para outras familias, traballaba unha horta ou criaba porcos.

Neste contexto, ademais dunha situación socioeconómica de miseria e represión no país, e sendo nai de tres fillos, en 1950 comezou o seu labor altruísta ao facerse cargo dos bebés das prostitutas que exercían na zona. Algunhas delas achegaban medios económicos para os seus fillos, podendo así tamén contribuír para toda a prole. Ademais, algunhas persoas da sociedade do momento axudaron a esta gran familia a saír adiante: o doutor Luís Gallego Domínguez atendía gratuitamente os nenos da casa; o Padre Silva e a súa nai achegaban alimentos; as diversas tendas dos arredores contribuían cos seus produtos.

Fotografías de Obdulia coa súa familia (cedidas pola familia)

Todos estes nenos, a maioría dos cales chamaban á señora Obdulia “avoa” e algúns tamén “mamá”, excederon a cantidade de 200 entre 1950 e 1988, ano no que morreu esta gran muller ourensá. A súa filla Lola seguiría co seu labor até un ano máis tarde, cando faleceu por un cancro.

Ourense rende homenaxe a estas dúas mulleres e a toda a sociedade que lles axudou naquel momento a través desta escultura que simboliza un recordo concreto do artista: Obdulia indo ás Burgas coa súa táboa de lavar.

Obdulia e Lola non só ofreceron abrigo, alimento, vivenda e educación a todos estes nenos, senón que tamén lles outorgaron a felicidade e a calor dunha familia chea de amor que os sacou adiante cos escasos recursos cos que contaban.

Compartir

Ourense a través das súas mulleres

Coñece algún dos recunchos da cidade vencellados a mulleres destacadas.

Coñece algún dos recunchos da cidade vencellados a mulleres destacadas.

Ler máis

Paseo pola escultura urbana

Una ruta para descubrir las principales estatuas y esculturas de la ciudad

Una ruta para descubrir las principales estatuas y esculturas de la ciudad

Ler máis