Visitas ao campanario da Catedral

A torre, desde a que se divisan magníficas vistas sobre Ourense, xa forma parte das visitas ao templo.

Os visitantes da Catedral de Ourense xa poden gozar da subida á torre do campanario, un recuncho senlleiro do templo desde o que se divisan unhas magníficas vistas sobre a cidade das Burgas. A basílica ourensá decidíu abrir este espazo a visitas turísticas, ampliando así a o percorrido e coñecemento deste templo tardorrománico, un dos máis importantes de Galicia e, sen dúbida, o monumento máis importante de Ourense.

A torre, de estrutura medieval aínda que cun corpo exterior renacentista, está coroada polas oito campás da Catedral, todas realizadas en bronce. A máis antiga destas campás data de 1700 e todas continúan repenicando para anunciar as horas, cuartos e as medias, en perfecta sintonía unhas con outras. Cada unha destas campás ten o seu propio nome.

O ascenso ao campanario está xa incluído nas audioguías que forman parte da visita cultural á Catedral, mantendo o prezo de 5 € a entrada (existen tarifas reducidas). Para residentes e outros grupos con dereito a visita gratuíta, o acceso á torre terá un prezo de 2 €.

O acceso ao campanario está incluído na tarifa actual das audioguías. Para residentes, terá un prezo de 2 €.

Coincidindo coa apertura da torre, a Catedral renovou o contido das súas audioguías. A visita pode realizarse xa en castelán, inglés, francés, alemán e agora tamén en italiano.