Vive o Camiño en Ourense
O programa itinerante do Xacobeo 2021 "Vive o Camiño" chega a Ourense o 6 de decembro: visitas guiadas, obradoiros e propostas gastronómicas ao redor da Vía da Prata.
Vive o Camiño 2019, o programa que promociona a Vía da Prata nos 35 concellos polos que transcorre esta ruta, desembarca o venres 6 de decembro en Ourense.
As actividades organizadas, todas gratuítas, inclúen un paseo guiado, obradoiros para todas as idades e un evento de showcooking en directo. Vive o Camiño é unha iniciativa do Xacobeo e a Consellería de Cultura e Turismo que descobre a través da natureza, a gastronomía e o patrimonio as singularidades de cada un dos concellos.
A xornada en Ourense comeza ás 11.00 horas cun paseo por dous enclaves do Camiño: o Xardín do Posío e os mananciais termais d’As Burgas. Unha oportunidade para a descuberta do patrimonio local da man dun ambientólogo e dunha guía experta. A actividade, de dúas horas de duración, é apta para público familiar, e ao final da mesma ofrecerase aos participantes unha degustación dun pincho e unha bebida de produtos da zona.
Pola tarde ás 18.00 horas, no Liceo, o chef Gerson Iglesias, da asociación Cociña Ourense, estará empratando en directo un menú composto por unha escuma de queixo do país, chourizo e fume; orella acaramelada á feira e pataca, así como castañas con leite e licor café. Este evento de showcooking contará con entrevistas a convidados e o público terá a oportunidade de degustar todas as preparacións de Gerson Iglesias
Tamén pola tarde terán lugar os obradoiros. Un dirixido a adultos que baixo o título de “Memorias de Prata” permitirá afondar na riqueza do patrimonio da zona a todas as persoas interesadas, intercambiando historias e lembranzas ao redor do camiño; será ás 17.00 horas no Liceo. Para os máis cativos, no mesmo espazo, a partir das 18.00 horas desenvolverase o obradoiro “Xogando coa natureza”.
Todas as actividades son gratuítas. Inscrición previa ata o día 5 no teléfono 722 876 073 (horario de 09.30 a 13.30 h).