Espazo Expositivo Arturo Baltar

Luns - Venres : 11.00 - 14.00 h Sábados, domingos e festivos pechado.

988 391 290 | 988 360 064

www.ourensecultura.com

Impresionante o Belén, onde Baltar debuxa, a través do barro, un fermoso retrato do Ourense de outrora.

Máis dun cento de figuras de barro cocido configuran o curioso Belén de Baltar. É quizais un dos máis fermosos de Galicia, tanto pola súa composición como a temática: unha fotografía do Ourense doutro tempo. Máis aló da temática relixiosa, aquí atopamos os xogos da praza, o fotógrafo ambulante, os labores do campo, a taberna, o forno, os habitantes dos camiños…

Todas as figuras son obra do artista Arturo Baltar, quen en 1967 o comeza por encargo da Asociación de Belenistas da cidade. O que nun principio era só a escena tradicional do nacemento foi crecendo ano tras ano con novos elementos, ata que en 1980 se decide restaurar a capela de San Cosme e San Damián para acollelo de forma permanente. O conxunto, que se completa con obras murais de Xaime Quessada e frisos de Virxilio, é arte ourensá en estado puro.

A contemplación do conxunto é case hipnótica, unha viaxe iniciática polo pasado da cidade até atopar, no centro, o Nacemento de Xesús.

En 2010 o Concello rehabilitou o edificio anexo (posiblemente, un antigo convento vinculado á capela) para crear o espazo expositivo, instalando un conxunto de retablos do autor: o belén, que até entón só se podía visitar en Nadal, vólvese unha exposición permanente todo o ano.