Ruta de tapas e pinchos
Os Viños

Se hai un lugar na cidade no que a xente conflúe de forma natural, especialmente nas noites de fin de semana, sen dúbida son Os Viños do Centro Histórico, a zona de tapeo por excelencia de Ourense. Este conxunto de rúas, unidas nun extremo pola Praza do Ferro e que terminan nos arredores da Catedral, concentra gran número de bares, restaurantes e tabernas onde gozar da gastronomía e a tradición vinícola de Ourense, compartindo petiscos, racións e cantigas en boa compañía. Aínda que cada vez atopamos máis propostas de mesa e menú á carta, o máis tradicional segue a ser probar bocados a pé de barra en paradas curtas: como manda a tradición, un pincho, un bar.

A escena hostaleira da cidade goza de excelente saúde, con novas propostas xurdindo cada día, o que fai difícil detallalas todas. Sirva este itinerario como botón de mostra para guiar ao visitante, suxerindo as zonas máis concorridas e algúns dos locais de máis longa traxectoria… pero nin moito menos os únicos.

ferroviriatovinosPraza do Ferro e rúa Viriato

A ruta (normalmente nocturna, aínda que os seus mediodías son cada vez máis animados) comeza na Praza do Ferro, entrada ao centro histórico. Ao redor da súa fonte central abundan as terrazas, e atopamos todo un  clásico, o Bar Orellas, templo dedicado ao porco tanto na súa carta como na decoración do local. Deben probarse a súa orella de porco e a cachucha prensada. Tamén merecen unha mención as patacas “3 Salsas” ou as luras d ‘O Eironciño. En fronte, baixo os soportais da praza, destaca a Taberna do Meigallo, cunha bonita terraza interior ideal para gozar da súa comida caseira nas noites de verán.

Subindo desde a praza por a rúa Viriato atópase o Bar Fuentefría, famoso polas súas anchoas e afumados. Xusto enfronte, A Casiña do Pulpo, ideal (xa o indica o nome) para entrar na suculenta tradición tan ourensá do polbo á feira.

Rúa San Miguel

Baixando a empinadísima rúa San Miguel desde o Ferro descubrimos en primeiro lugar o Pingallo, restaurante onde tamén é posible gozar de racións na súa barra. Acto seguido, o Asador de Roa, cuxo bacoriño deulle nome; Casa Toñita, onde hai que probar os ovos rotos; o Restaurante Gastro Bar San Miguel, un dos restaurantes históricos da cidade hoxe completamente renovado e con singulares propostas tanto en pinchos como en carta. Completan a concorrida oferta desta rúa La Brava, o Monterrey e o Mesón de María Andrea, outro local con renome instalado nun fermoso  pazo do século XVI magnificamente restaurado.

sanmigueleironcinhovinos

Eironciño dos Cabaleiros

Nesta pequena praza apartada das rúas máis buliciosas dos arredores abundan as terrazas de moitos locais, sempre concorridas. Entre outros, aquí dispón as súas mesas o Mesón O Queixo, un histórico da cidade que apostou pola cociña máis tradicional e onde serven un cremoso queixo galego de altura. Tamén esta aquí instalado outro clásico da cidade, El Rey do Jamón, co seu famoso su «pincho completo»: unha sabia combinación de tortilla, croqueta e panceta.

Rúa da Paz

Paralela ao Eironciño por arriba, atópase esta fermosa rúa presidida polo Teatro Principal, que enfronte ten o bar Xes, sempre co bo ambiente os días de funciónon. Obrigatorio probar as súas as súas clásicas empanadillas ou, porque non, os callos, tradicionais e tamén veganos. Ao seu lado atopamos outro Orellas, irmán do local na Praza do Ferro.

Rúa Lepanto

Atopámonos no eixo central dos Viños; nesta rúa en cada porta hai un bar, polo que será difícil elixir. Desde o Ferro ata a Porte Norte da Catedral, onde morre a rúa, atopamos os pincho de inspiración vasca d’O Barallete, local que lembra o traballo dos afiadores, embaixadores de Ourense polo mundo; a Saia da Carolina, Las Tapitas de Marian, O Comellón, O Pote, El Ingeniero (especializado en carnes) ou O Enxebre, coas súas populares tostas.  O París é un local de noites animadas onde tamén se pode saborear o súa proposta de pincho, que mudan cada semana. Ao seu lado atópase A Nosa Taberna, cunha ampla carta de areapas, e O’Cogumelo, onde se poden saborear os seus champiñóns con lagostinos.

Bordeando a Catedralvinoscatedralunion

En plena praza de Santa Eufemia, entre cafés con encanto atópase o Tízar, proposta de tapas e petiscos. Subindo Xoán de Austria atopamos o Tixola ou A Casa do Pulpo, onde gozar desta delicia local.

A ábsida da Catedral forma unha pequena praza abarrotada de terrazas nunha contorna privilexiada. Las Monchas propon petiscos modernos nun espazo onde conviven con dous históricos, o Bar Pérez e A Taberna do Perico, coas súas suculentas cazolas e a saborosa salsa dos seus montadiños. O Sexta Feira, xa facendo esquina coa praciña dos Suaves, ofrece elaboracións inspiradas na cociña portguesa.

As propostas continúan na propia praza adicada á famosa banda de rock con locais como o Glabistró ou ben, baixando pola rúa Unión ata a diminuta Praza da Madalena, onde se atopa o Tapa Negra, cunha terraza sempre agradable.

Rúa dos Fornos

Paralela á Lepanto, Fornos é outra rúa chea de bares onde resulta difícil escoller. N’O Arco da Vella ten fama a súa soberbia tortilla, e enfronte, n’O Souto, as súas bombas (pelotas de puré de pataca e carne fiada). No Dos Puertas un sempre debería parar para tomar un petisco de orella ou luras, aínda que de ir con máis calma O Catador é un local histórico de carta interesante. En La Bodeguilla del Centro un pode decantarse polo seu espeto de champiñóns e pementos, e en Atarazana quizais polas súas zamburiñas. Outros clásicos son o Bar Samuel, máis de 25 anos cociñando carne ao caldeiro ou O Frade, onde a comida se serve a ritmo de jazz.

Para as noites de verán, o Baysha Soulfood é unha proposta para gozar con calma, cunha preciosa terraza-xardín onde cear ou talvez tomar a primeira copa, así como as terrazas da Praza das Mercedes, con propostas como o Café Ollo Ledo, o Portovello ou na parte superior, a vermutería La Garza.

 

 

Compartir

Sabores de Ourense
Sabores de Ourense

Ler máis

Ourense de noite

Aos que vos gusta deitarvos tarde e preferides explorar a vida nocturna da cidade, descubriredes por que Ourense se coñece como a «terra da chispa». Aquí gusta moito a festa, e sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, sempre atoparedes un local ao voso gusto e unha escusa para atrasar a volta a casa.

Aos que vos gusta deitarvos tarde e preferides explorar a vida nocturna da cidade, descubriredes por que Ourense se coñece como a «terra da chispa». Aquí gusta moito a festa, e sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, sempre atoparedes un local ao voso gusto e unha escusa para atrasar a volta a casa.

Ler máis