Ourense conta cunha importante tradición festiva estruturada ao longo de todo o ciclo anual e que ten a súa orixe na cultura agrícola e o paso das estacións: primitivos ritos cos que conxurar os elementos e propiciar as boas colleitas. Uns ritos que co paso do tempo iríanse fundindo coa relixión cristiá, tomando novos significados e adaptándose aos tempos. Hoxe convertéronse nunha expresión e reinvindicación dunha forma diferente de entender a vida, de celebrala.

Día e noite, a soas ou en compañía, a festa en Ourense vívese nas rúas.

Nadal_Concello

Nadal

Decembro – Xaneiro

Nestas datas as rúas da cidade ilumínanse de cores animando a visita aos beléns, algúns de gran interese como o Belén de Baltar, na Praza de San Cosmede.

A celebración esténdese en Ourense desde os días anteriores a Noiteboa (24 decembro) até Reixes (6 de xaneiro), que se celebra na véspera co desfile das Súas Maxestades polas rúas do centro despois de apeárense na Estación Empalme. Nalgúns núcleos, como Oira, as celebracións continúan até San Mauro, o 15 de xaneiro.

Entroido

Febreiro – Marzo

Festa da subversión e o bo humor, o Entroido é unha celebración de longuísima tradición en Ourense, xa que continuou a celebrarse a pesar das prohibicións en tempos pasados. A provincia concentra até sete entroidos declarados de interese turístico, facendo da capital a lanzadeira perfecta para descubrilos.

É obrigatorio sempre levar disfrace, sexa do de que sexa (de non facelo, un arríscase a pagar roldas nos bares) e degustar o produto típico destas datas, as orellas: hainas doces, elaboradas con ovos e fariña; pero tamén de porco, cocidas e aderezadas con sal e pementón.

San Lázaro

Domingo anterior ao Domingo de Ramos

Decenas de postos de rosquillas e melindres instalados no céntrico Parque de San Lázaro indican a chegada desta festividade, prólogo da Semana Santa. A festa conxuga as celebracións relixiosas (procesión incluída) co curioso espectáculo da Queima das Madamitas: figuras de arame e papel recheas de pólvora ás que se fai explotar mentres xiran freneticamente.

O espectáculo ten as súas raíces na Idade Media, recreando un ritual de purificación vinculado ao lazareto ou leprosería que houbo na zona (outrora as aforas da cidade) e ás capelas dedicadas a este santo.

desplante

Semana Santa

Marzo – Abril (variable)

En Semana Santa os grupos parroquiais saen en procesión á rúa portando os pasos, tallas que representan diferentes escenas relixiosas. Destaca aquí a procesión que o último domingo de Pascua se celebra na Igrexa de Santa María Nai, onde ten lugar a Cerimonia do Desplante: o cabildo e demais cargos eclesiásticos néganlle o paso na escalinata á corporación municipal en procesión, recreando así os tempos de tenso conflito entre o poder relixioso e civil en Ourense. Máis información nesta ligazón.

Os-Maios-Festiva_optl

Os Maios

Primeiro domingo de Maio

Festa da natureza por excelencia, anuncia o esplendor das flores e a despedida do cru inverno. De orixe incerta, o rito celébrase desde tempos moi remotos en varios lugares de Galicia, aínda que en Ourense ten unha carácter destacado e singular, ademais de ser festivo local. Ese día, esculturas artesanais de musgo e flores ocupan o paseo central da Alameda exhibindo as súas formas, tradicionais (piramidais) ou figurativas, acompañadas sempre do canto das coplas: versos satíricos sobre temas de actualidade que a tradición manda vender a cambio dun aguinaldo.

Os Maios foron declarados Festa de Interese Turístico en Galicia.

Medieval Market

Festas maiores (Corpus Christi)

Xuño

Aínda que Ourense non celebra a festa do seu patrón até o outono, as Festas Maiores aproveitan as calores aínda liviás de xuño e a celebración do Corpus Christi, de gran tradición. Son dúas semanas de festa continua na cidade nas que a axenda non dá tregua: orquestras, concertos, pasarrúas, actividades deportivas, infantís… Imprescindibles son os fogos artificiais da súa clausura e, para os máis atrevidos, o Rallye de Ourense, todo un clásico.

magosto_ou

Magostos

11 de novembro

A festividade en honra de San Martiño de Tours, patrón de Ourense, anuncia a chegada destas populares festas, na que grupos de amigos e familia reúnense ao redor de grandes fogueiras para asar as primeiras castañas e probar o viño novo. A festa dura todo o día e parte da noite, sempre aderezada con chourizos asados, cancións e unha queimada final, evocando antigos ritos de purificación. É común celebrar os Magostos nos montes que circundan a cidade, especialmente Montealegre, aínda que os máis urbanitas sempre poden acudir á gran cacharela que o Concello organiza na Alameda.

Polo seu amplo arraigamento, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

samain

Samaín

31 de outubro
A noite máis longa do ano celébrase en Ourense cun desfile de cabazos iluminados con candeas polas rúas do Centro Histórico. Aínda que a súa versión máis coñecida é o Halloween estadounidense, o certo é que o Samaín é unha festa de orixes celtas (a despedida, en termos agrícolas, dos días longos do verán) que en Galicia se celebrou durante séculos, aínda que estivo a piques de perderse. Desde hai uns anos en Ourense vívese con forzas renovadas, con obradoiros onde nenas e nenos preparan as cabazas coas que logo desfilarán convertidos en esqueletos, pantasmas, meigas, etc. As celebracións esténdense toda a noite e, coma nun Entroido, abundan os disfraces, iso si, o máis escuros posibles.