As Burgas: Termas con historia
O termalismo en Ourense ten máis de dous mil anos de historia e comeza nos mananciais das Burgas. Os primeiros poboadores romanos levantaron aquí edificios para o culto e goce destas augas, iniciando unha tradición que chega até os nosos días.
As fontes termais das Burgas son un dos espazos máis emblemáticos e queridos na cidade, directamente ligado ás súas orixes. Aquí nacería a antiga Aquis Aurienses («augas de ouro»), un asentamento romano formado ao redor destes mananciais mineromedicinais que hoxe continúan a manar a máis de 60° C no corazón do Centro Histórico.
Visitalas é imprescindible para coñecer a historia de Ourense e entender a súa íntima relación coas augas: tocalas e sorprenderse, descubrir os seus misterios no Centro de Interpretación e gozar dun baño na súa piscina termal, practicamente da mesma forma e no mesmo lugar que a dos nosos antepasados romanos hai dous mil anos.
Durante séculos aquí conviviron a curación, o lecer e o culto; foi o lugar de encontros dos seus habitantes, orixe de lendas, escenario literario e fondo de infinitas postais. Por todo iso, non é casualidade que Ourense se coñeza como a «Cidade das Burgas».
Desde que existe presenza humana no val, estes mananciais foron aproveitados con fins medicinais, relixiosos, lúdicos e prácticos de moi distinto tipo. Aínda que antes da romanización é certo que os moradores dos castros veciños os coñecían e usaban, non será até a chegada das primeiras lexións que a zona das Burgas empeza a desenvolverse, construíndose edificios dedicados ao mundo da auga. As escavacións arqueolóxicas exhumaron vestixios dunha piscina-santuario do século I d.C. e numerosas pedras votivas que fan referencia a unha divindade indíxena, Revve Anabaraego, morador dos mananciais e responsable das súas propiedades terapéuticas. Os nomes gravados nas aras proceden de distintos lugares do occidente romano, o que indica que As Burgas foi un centro de peregrinacións na antigüidade, e un dos santuarios indíxenas máis importantes da península.
Co tempo os romanos, que eran grandes afeccionados ás augas termais, construíron xunto ao santuario unha balnea, casa de baños onde se reunirían para discutir os seus asuntos cotiáns ao tempo que se relaxaban nas reconfortantes augas. Vestixios de ambos os edificios, que conviviron no tempo, poden visitarse hoxe nos xardíns do Centro de Intepretación.
Durante a ocupación romana houbo nas Burgas un santuario relixioso e unha pequena casa de baños para o goce das augas. Os seus restos poden verse nos xardíns sobre a actual piscina termal, na que hoxe se pode tomar un baño tal como se facía hai dous mil anos.
Na Idade Media, época que se considera escura na historia do termalismo europeo, as fontes das Burgas seguen sendo aproveitadas pola poboación. É a propia igrexa católica a que protexe os mananciais, pois ademais de cumprir unha importante función preventiva fronte á temida peste e outras enfermidades, eran un alivio para os peregrinos a Santiago de Compostela que por aquí pasaban. O carácter sacro que lles deron os romanos perdura e adáptase aos novos tempos, vinculándoo agora á figura do Santo Cristo, na Catedral.
A calor natural que desprenden as fontes supuxo historicamente un gran aforro fronte a outras enerxías como a leña e o carbón. Non é de estrañar que aquí se trasladasen as industrias artesanais da cidade. Primeiro foron as panadarías, que no século XIV comezan a instalar aquí pequenos fornos que perdurarán durante séculos. Xa no século XV asentan tamén tripeiros, curtidores e lavandeiras, ocupando píos como o que había na chaira onde hoxe se sitúa a piscina termal. As fontes que hoxe se ven, dos séculos XVII e XIX, denotan xa unha conciencia de que As Burgas era un espazo singular e central na cidade, non só para os seus habitantes senón tamén para os viaxeiros, que nos seus diarios e crónicas deixaron constancia unánime da sorpresa e fascinación que lles producía este estraño fenómeno.
A traza actual das Burgas, declaradas Sitio de Interese Cultural no ano 2007, obedece a un longo proceso de obras e reformas levadas a cabo recentemente, e que hoxe permiten gozar deste espazo na súa plenitude: un punto de encontro coa historia e a memoria de Ourense e unha experiencia termal diferente que sorprenderá e namorará.