Xunto ás súas augas termais e a beleza do patrimonio monumental, Ourense namora polo carácter amable das súas xentes e o ambiente da cidade: alegre, familiar e dinámico. Outrora coñecida como a «Atenas de Galicia» pola nómina de literatos e intelectuais que tiveron aquí o seu fogar e fonte de inspiración, hoxe mantén unha apertada axenda cultural e de lecer, con citas de gran prestixio consagradas ao teatro, o cinema ou a música.
A cidade é tamén un destino excepcional para os amantes das compras, con arterias comerciais como a rúa do Paseo onde atopar boutiques de primeiras marcas en moda e complementos. A ampla tradición téxtil local e da rexión ten en deseñadores como Roberto Verino, Adolfo Domínguez ou Purificación García algúns dos seus embaixadores máis coñecidos.
Teatros, museos, salas de exposicións, cafés concerto, bibliotecas…
Pola súa condición de encrucillada de camiños, Ourense foi historicamente terra de comerciantes… unha tradición que hoxe goza de excelente saúde. Saír de compras pola cidade segue a ser un auténtico pracer, cunha oferta variada en cómodas rúas peonís onde destacan os escaparates de moda, calzado e complementos.
Aos que vos gusta deitarvos tarde e preferides explorar a vida nocturna da cidade, descubriredes por que Ourense se coñece como a «terra da chispa». Aquí gusta moito a festa, e sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, sempre atoparedes un local ao voso gusto e unha escusa para atrasar a volta a casa.