10 experiencias imprescindibles

Hai cousas que non deberiades perder na vosa visita a Ourense. Aquí deixámosvos só dez... pero quedaredes con ganas de máis.

Ourense é desas cidades que non abonda con ver, hai que vivila. Coas súas augas termais, a súa historia, a súa gastronomía e os seus ríos, Ourense é un destino diferente que te namorá se sabes gozalo. Na cidade das pontes usamos o bañador todo o ano, saboreamos o polbo os domingos, tomamos tapas vixiando as torres da Catedral, aproveitamos calquera oportunidade para disfrazarnos e apaixónanos a velocidade, salgamos a correr ou esteamos de rallye. E é que hai experiencias que só poderás vivir aquí, en Ourense.

Compartir

  • 1 Arte e patrimonio
Descubrir as cores do paraíso
  • 2 Arte e patrimonio
  • 2 Termalismo
Coñecer as ninfas das Burgas
  • 3 Arte e patrimonio
Contar as pontes sobre o Miño
  • 4 Arte e patrimonio
Perderte nun labirinto de pedra e historia
  • 5 Termalismo
Bañarte á luz das estrelas
  • 6 Gastronomía
Brindar cun dos viños máis antigos do mundo
  • 7 Gastronomía
Probar o auténtico (e mellor) polbo á feira
  • 8 Ocio
Dar renda solta á imaxinación no Entroido
  • 9 Arte e patrimonio
Ver atardecer desde un poboado castrexo
  • 10 A cidade
  • 10 Ocio
Sacar o teu lado máis rockeiro

O detalle e colorido das decenas de figuras deste pórtico iluminan a Catedral de Ourense: é unha imaxe que se fixa na memoria. A súa impresionante policromía valeulle o título de Pórtico do Paraíso, por oposición ao gris do da Gloria en Santiago, do que tomou inspiración.

Este é só o principio dunha Catedral chea de segredos; aquí á beira está a Capela do Santo Cristo, do que din que lle crece o pelo…

Disque quen toca a auga destas fontes, a máis de 60º de temperatura, acabará celebrando a súa voda en Ourense. Seica poucos lugares hai na cidade con máis lenda que As Burgas. Uns misterios que se remontan ao Ourense romano, cando foi centro social e relixioso…

Se hoxe te mergullas na súa piscina termal e pechas os ollos talvez escoites o rumoreo das ninfas moradoras destas augas; desde hai máis de dous mil anos cóanse nos soños dos visitantes de Aquis Auriensis.

O pai dos ríos galegos é o que modelou a cidade de Ourense desde as súas orixes, e atravesalo foi sempre o reto dos seus habitantes.

Desde os arcos da Ponte Vella, con fundación romana e corte medieval, até as liñas case imposibles da Ponte do Milenio, estas construcións son o decorado indispensable da cidade e as testemuñas mudas do paso do tempo. Cruces cuantos cruces, apostamos a que sempre se escapará un.

Sobre o mapa, a cidade vella parece un gran corredor norte-sur, apenas unha liña recta. Nada máis lonxe da realidade. Penetrar no corazón de Auria é un desafío á orientación, un ir e vir de rúas estreitas onde a pedra cambia a súa cor segundo as distintas luces do día… O truco para percorrer este túnel do tempo é saltar de praza en praza: a do Ferro, a do Trigo, Santa Eufemia, a Madalena, San Marcial, a Praza Maior…

Imaxina que é noite pechada. Que vai frío, quizais chove, talvez mesmo neva. E ti en sandalias, bañador e toalla… mollando as dedas dos pés nunha auga máis quente cá de calquera bañeira. Ás túas costas o son do río e as follas das árbores mexéndose co vento. E brillando sobre a túa cabeza, entre o vapor, as estrelas. Estás na Chavasqueira, en Muíño da Veiga ou en Outariz, e nunca tomaches un baño igual. Benvidos ás ribeiras termais do Miño.

O historiador romano Estrabón deixou escrito que xa no século III a.C. por estas terras se producía viño do “Ribeiro”. Este val segue a cultivar uns viños de altura, e é só unha do catro denominacións de orixe que se concentran na provincia de Ourense…

Quizais por iso, á zona de tapeo da cidade coñecémola coma Os Viños…

Que Ourense non teña praia non é impedimento para que un dos seus alicerces gastronómicos sexa un produto de mar, o polbo. De antigo veñen a tradición e o segredo que fixo da súa preparación toda unha arte e o comelo, un auténtico rito social para compartir con amigos e familia.

Se estás por Ourense en Entroido, fainos caso: disfrázate. Terás a oportunidade de participar nunha celebración antiga como poucas, unha homenaxe ao descaro e ao bo humor que inunda de cor as rúas. Non só gozarás do ambiente da capital, senón que estarás a un paso do triángulo máxico dos Entroidos de Xinzo, Verín e Laza (aí onde tiran as formigas…).

Insistimos no do disfrace: se non, é probable que acabes pagando roldas na barra de calquera bar…

Hai moitos lugares para ver un solpor, pero poucos coa maxia de Santomé. Dous mil anos de historia en pedras que evocan os devanceiros da cidade: os celtas, castrexos e romanos. Todo enmarcado por un bosque de carballos e sobreiras centenarias e o murmurio xordo do río Loña.

E unhas vistas que te deixarán sen fala.

A música e letras dunha banda coma Los Suaves fixeron de Ourense un dos santuarios do rock estatal. De espírito creativo e rebelde, a cidade tivo sempre unha excelente “canteira” musical que hoxe segue a soar por todos os recunchos. Se o teu é a música, aquí atoparás o teu sitio.