O viño

Poucos lugares hai en Europa onde convivan xuntas tantas denominacións de orixe de produtos como Ourense. Isto é especialmente evidente no caso do viño: catro do cinco denominacións que existen en Galicia atópanse nesta provincia. Unha longuísima tradición que afunde as súas raíces na presenza romana e os mosteiros, e á que xa se refería o rei Alfonso X o Sabio cantando a delicia do «bon viño d’Ourense».

A máis antiga de todas as denominacións de orixe é a do Ribeiro, que comprende a comarca do mesmo nome: as terras bañadas polo Miño e os seus afluentes, o Avia, o Arnoia e o Barbantiño. Parte do seu territorio atópase no termo municipal da cidade e é o viño ao que tradicionalmente estivo máis ligada. A súa produción ocupa 2.650 hectáreas repartidas en máis dun cento de adegas, e supera ao ano o sete millóns de litros. A uva máis característica é a treixadura, responsable duns viños lixeiros, frescos e aromáticos, sobre todo brancos (aínda que cada vez hai tintos de maior calidade).

A denominación de Valdeorras ocupa as terras máis ao leste de Galicia (A Rúa, O Barco, Petín…), na conca dos ríos Sil, Xares e Bibei. Pola súa proximidade á meseta, é un clima máis seco que o resto de Galicia. Aprécianse dous viños monovarietais: o máis característico é o branco de godello, de aromas afroitados, cor amarela, dourada ou palliza, e boa estrutura en boca. En tintos destacan os elaborados con mencía, de intensa cor púrpura, de retrogusto intenso e prolongado.

As fermosas paisaxes da Ribeira Sacra están consagradas á produción do viño, con viñedos que ocupan as empinadísimas terrazas dos ríos Miño e Sil e que constitúen un atractivo turístico en si mesmo: a xeografía obriga a un proceso de recolección practicamente artesanal e dificultoso que gañou o título de viticultura heroica. A orientación dos canóns favorece a súa maduración, dotando a estes viños, maioritariamente tintos mencía, dun corpo marcado.

No sur da provincia, preto da fronteira con Portugal, atópase a D.O. Monterrei, cuxa produción se estende polo val do río Támega. Cultívase uva branca verdello e tinta mencía, nunha superficie de algo menos de 500 hectáreas que produce dous millóns de litros ao ano.

O pan de Cea

denominación de orixe deste pan artesanal, recoñecida en 2004, agrupa a 18 fornos do concello de San Cristovo de Cea, no Camiño Mozárabe – Vía de la Plata a Santiago de Compostela. É un pan de trigo recoñecible pola súa forma alongada, redondeada nos extremos e cunha gran fendedura transversal na parte superior. A súa cortiza é grosa e crocante e a faragulla esponxosa e pouco uniforme.

As orixes desta tradición panadeira están unidas ao veciño mosteiro de Oseira, e tamén ao paso de peregrinos cara a Santiago, que durante a Idade Media atopaban aquí hospitalidade. O nome de Cea probablemente se vincule a esta práctica, pois Cea debe vir de cear.

A festa de exaltación do pan de Cea celébrase no mes de xullo.

Pementos de Arnoia

Esta variedade de pementos, orixinarios da localidade do mesmo nome, no val vinícola do Ribeiro, ten indicación xeográfica protexida desde o ano 2009.  Recoñécense pola súa forma cónica e a súa pel lisa que, cando son frescos, adquire un característico ton verde claro, lixeiramente amarelado. Teñen un cheiro intenso pero un sabor suave e doce. O habitual é preparalos asados ou fritidos en tixola.

A súa festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, celébrase durante o primeiro fin de semana de agosto.

Outros produtos con denominación

Neste catálogo de delicias ourensás merecen mención aparte as castañas, de sabor doce e textura firme. Aínda que a súa indicación xeográfica engloba a toda Galicia, na cociña ourensá ocupan un lugar de honra, especialmente no capítulo das sobremesas: a cidade é un dos principais produtores e exportados do delicado marron glacé. Tamén son indicación xeográfica protexida as reconocidísimas patacas da Limia, redondeadas, de pel fina e amarela e carne branca e consistente; e o mel, que pode ser de castiñeiro, brezo, silva, milflores…

augardente ou Orujo, preparado a partir de a destilación de bagazos e leas da vendima, é unha receita ancestral tamén recoñecida en toda Galicia. Imprescindibles son as elaboracións que se realizan a partir dela, en concreto os licores de herbas e o licor café, que en Ourense é todo un clásico nas tabernas.