Para estadías longas, a cidade de Ourense é unha lanzadeira perfecta para descubrir o resto da provincia: unha terra de paisaxe exuberantes e longuísima historia. Aquí se concentra nada menos que o maior catálogo de arte románico de toda a Península Ibérica, así como catro das cinco denominacións de orixe vinícolas de Galicia.

Ofrecemos aquí unha serie de propostas que ben merecen unha escapada curta: en vehículo propio ou utilizando o transporte público, atópanse nun radio de apenas 30 quilómetros.

Ademais, poñemos á vosa disposición este mapa interactivo onde podedes consultar información detallada sobre diferentes recursos turísticos na provincia.
Abrir mapaDescargar

Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra é a zona ao norte da provincia, ao redor das ribeiras do río Sil e do Miño, coñecida pola súa impresionante riqueza natural e patrimonial. O seu nome provén da Idade Media, e tería a súa orixe na cantidade de mosteiros que se construíran nela, entre os que destacan Santo Estevo de Ribas de Sil (recentemente convertido en parador), San Pedro de Rochas e Santa Cristina de Ribas de Sil. Hai moito que ver, pero sobre todo deben visitarse os Canóns do Sil: desde os miradoiros pode admirarse a súa espectacular paisaxe, e desde un catamarán que navega polo río aprezarase a súa escarpada monumentalidade. A Ribeira Sacra tamén é coñecida pola calidade dos seus viños; as vides, que datan da época romana, están dispostas nun sistema de terrazas de pedra que seguen o curso do río.

Allariz

Allariz é un perfecto exemplo de vila galega de interior; un harmónico conxunto de rúas, prazas e edificios tradicionais cuxo modelo de recuperación patrimonial e de ordenación urbanística dos últimos anos foi moi premiado e recoñecido. Nos restos do seu castelo medieval sobre o outeiro pódese intuír o seu esplendor en tempos dos suevos (a vila debe o seu nome ao rei Alarico). É un pracer pasear polas ribeiras do Arnoia, completamente restauradas. Visitas imprescindibles son o convento de Santa Clara (con claustro barroco), a igrexa románica de Santiago e nos arredores, o eco-espazo do Rexo e Santa Mariña de Augas Santas. Tampouco debe un perderse algún dos seus museos tradicionais ou a súa zona de tendas, na que hai varios outlets con suxestivos descontos e pastelarías con doces típicos coma os amendoados.

Ribadavia

A Ribadavia, a capital do Ribeiro, un debería acudir aínda que só fose por coñecer os seus viñedos e probar o viño nas súas adegas. Pero ademais desta ruta de interese enolóxico, o centro de Ribadavia, declarado Ben de Interese Cultural, posúe unha chea de recunchos en pedra con encanto, testemuño do seu pasado glorioso: o impresionante barrio xudeu, o castelo dos Sarmiento, as murallas, o convento de San Domingos e o de San Francisco xunto á ponte sobre o río Avia, a capela prerrománica de San Xes de Francelos… O seu Museo Etnolóxico é dos máis interesantes da provincia. Non moi lonxe atópanse as Termas do Prexigueiro, o convento de San Clodio en Leiro e o Museo do Viño de Galicia.

Ruta do Viño do Ribeiro

A Ruta do Viño do Ribeiro agrupa adegas e diferentes propostas turísticas (enogastronomía, aloxamentos con encanto, paseos entre viñedos…) en torno a esta denominación de orixe vinícola, un das máis antigas de Europa.

Web da Ruta do Viño do Ribeiro.

Celanova

Celanova é terra de poetas: Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices e Méndez Ferrín proveñen da vila, e a casa natal de Curros é hoxe a Casa dos Poetas. Ademais desta puxanza lírica, o principal orgullo celanovés é o Mosteiro de San Salvador, fundado por San Rosendo no século X, que conta cun impresionante patrimonio: igrexa barroca, capela mozárabe, dous claustros e sancristía renacentista. Preto de Celanova hai tamén sitios de interese, como o poboado castrexo de Castromao e o conxunto de Vilanova dos Infantes, cunha torre medieval e o santuario da Virxe do Cristal.

Mosteiro de Oseira

Coñécese a existencia do Mosteiro de Santa María de Oseira desde 1137. De fundación benedictina, pouco despois converteuse á Orde do Císter, e tivo unha gran importancia económica e social para a comarca de Cea. Abandonado e espoliado tras a Desamortización de Mendizábal, o seu proceso de recuperación foi recoñecido co Premio Europa Nostra en 1989. A igrexa abacial, de estilo románico oxival, é considerada un cumio da arquitectura cisterciense ibérica. Na sala capitular destacan a orixinal bóveda e as catro columnas centrais. No antigo refectorio pode visitarse o Museo da Pedra, unha colección obtida durante restauracións e escavacións arqueolóxicas.