Ourense é sen dúbida un destino que encantará aos que viaxades en familia, con multitude de propostas pensadas para os cativos da casa, gozando ao aire libre ou aprendendo sobre a historia e costumes da cidade da forma máis divertida… sen esquecer un bo mergullo en auga termal!

Na  Oficina Municipal de Turismo existen roteiros-xogo deseñados para os cativos,  da  man de Martiño e  Calpurnia, as nosas simpáticas mascotas. Non esquezades pedilos!

Descobre Ourense con Martiño

Ás termas en familia

Aos rapaces encantaralles montar no curioso Tren das Termas. Con saída desde a Praza Maior, nel poderedes gozar dun bonito paseo que mesmo vos levará sobre os arcos da Ponte Vella. É a mellor opción para chegar até o Paseo Termal, unha senda peonil de 4 kilómetros ao pé do río Miño que empeza pouco despois da Ponte do Milenio (toda unha montaña rusa de escaleiras!!).

No Paseo Termal existen zonas axardinadas ideais para descansar, xogar nas súas randeeiras, andar en bici e pasar unha agradable tarde ao sol. Aínda que seguramente o que máis vos chame a atención son as súas termas: A Chavasqueira, o Muíño da Veiga, Outariz e Burga de Canedo… Cada instalación termal está composta por piscinas de diferentes temperaturas para que cada un escolla a que máis lle gusta. Lembrade que con nenos é especialmente importante seguir os consellos para o baño termal, realizando inmersións curtas e hidratándose a miúdo, e que o acceso está restrinxido para menores de 5 anos (Termas de Outariz) ou 10 anos (no resto de termas).

Burgas infantil

Xa de volta no centro, non deixedes de visitar  a zona das Burgas, en pleno Centro Histórico. Ademais de gozar dun baño na súa piscina ao aire libre (lembrade que non está permitido aos menores de 5 anos) poderedes visitar o Centro de Interpretación para descubrir  a historia da cidade e os seus primeiros poboadores romanos,  grandes afeccionados ás augas termais.

Non esquezades visitar as fontes, todos vos sorprenderedes coa temperatura á que brota a auga (coidado que queima!)

 

Descubrindo o mundo do tren

Ourense é unha cidade cunha gran tradición ferroviaria, xa que aquí tivo lugar a primeira conexión de Galicia co resto da Península. Se a vosa viaxe coincide en fin de semana, o domingo tedes unha cita inescusable no Parque Ferroviario de Carrileiros de Foula, onde descubriredes este apaixonante mundo  e mesmo poderes subir nunha locomotora a escala. O recinto conta cun circuíto de case 500 metros de vía polo que circulan os trens, nun percorrido con todos os detalles posibles: un viaduto, dous túneles, catro pasos a nivel, estacións… Na súa aula expositiva explícanse os pormenores da historia do ferrocarril en Ourense.

Se quedastes con ganas de máis, a xornada ferroviaria continúa na colección de trens Fernández-Pacheco, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Este curioso museo, con máis de 4.000 miniaturas de trens a escala, deixaravos coa boca aberta mentres soñades coas viaxes no Orient Express (que só é unha das moitas locomotoras históricas que aquí se conservan).

carrileiros2

Parque ferroviario Carrileiros

Rúa da Canle S/N Ver no mapa

Todos os domingos de 11.30 a 13.30 h

Entrada: Adultos 2 € / Nenos 1 €

www.carrileiros.com

Durante o mes de agosto o parque permanecerá pechado.
cofepo-980x439

Colección de trens Fernández Pacheco


Centro Cultural Marcos Valcárcel Ver en mapa

Luns a venres: 11.00-14.00 h e 18.00-22.00 h. / Domingos e festivos: 18.00-21.00 h.

Entrada: Gratuíta

Aprendendo da natureza: río Miño, Montealegre e Santomé

A Aula da Natureza do Río Miño, na zona fluvial de Oira, é o lugar ideal para coñecer todos os segredos deste río que atravesa a cidade, o máis grande de Galicia. Nela atoparedes paneis e maquetas que vos achegarán, de forma sinxela e amena, aos valores naturais e patrimoniais que esconde este espazo:: como xorden as augas termais, como se aproveita a forza da auga nos muíños, a adaptación dos animais ao medio fluvial…

A Aula ofrece ademais un completo programa de actividades centradas na educación ambiental e o coñecemento do medio: obradoiros de reciclaxe, avistamento de paxaros, coidado da horta, xogos tradicionais e paseos guiados, para que coñezades de primeira man os segredos do pai dos ríos galegos e toda a vida que o rodea. Lembrade que desde a aula tedes por diante unha senda circular de 13 quilómetros seguindo as marxes fluviais para coñecer a natureza e historia de Ourense.

Xunto aos ríos, Montealegre é o outro gran pulmón de Ourense, un gran parque forestal con varias hectáreas para pasear e explorar, descubrindo as especies propias da vexetación mediterránea deste bosque pero tamén algunhas máis exóticas, xa que conta cun espazo dedicado a xardín botánico. Subide até o seu miradoiro para sacar unha foto de familia e non deixedes de sentarvos no «banco máis bonito de Ourense», que está no punto máis alto. Consultade a axenda do día, porque programan periodicamente actividades infantís: visitas guiadas, obradoiros ambientais e mesmo teatro, no seu auditorio ao aire libre.

Se o  que vos apetece é combinar un saudable paseo con algo de historia non deixedes de achegarvos ata o conxunto arqueolóxico-natural de Santomé: un xacemento arqueolóxico, metade romano, metade castrexo,  nun  fermoso bosque de aciñeiras, érbedos e sobreiras sobre o río Loña. As vistas sobre a cidade son, tamén,  inmellorables.

Parques e xardíns

Ourense conta con multitude de parques urbanos equipados con randeeiras e zona de xogos para os máis pequenos. Destacan o Parque Miño, á beira do Centro Comercial Ponte Vella, con estanques e merendeiros; e o Parque Barbaña, que ademais de randeeiras ten unha pista vermella ideal para patinar. Xa no centro, atopamos o Parque de San Lázaro, cun moderno espazo infantil con zonas separadas por idades, o Parque Infantil ou Alameda do Cruceiro, e a Praza das Mercedes, cunha ampla zona asfaltada ao redor dunha fonte e terrazas onde poderedes descansar mentres os rapaces xogan. No Xardín do Posío non só atoparedes varias zonas de xogo a diferentes niveis e entre árbores centenarias, senón que teredes a oportunidade de pasear entre os pavos reais e os cisnes que habitan este parque, que foi xardín botánico.

San Lazaro

O parque Avilés de Taramancos, no Couto, é unha gran zona verde dedicada á memoria dos ríos, cunha impresionante lagoa de 1.300 metros cadrados e unha gran zona de xogos na que destacan un tobogán de 13 metros de altura e unha estrutura piramidal trenzada con cordas para rubir polos seus nove metros de altura. Tampouco deixedes de visitar o Parque da Canle, sobre o Auditorio Municipal, unha curiosa solución aos desniveis dos depósitos de auga que ofrece bonitas vistas da cidade, ou o parque Cándido Fernández, con ampla zona de xogos e un pequeno campo de fútbol.

Programación infantil: Auditorio e Biblioteca Nodal

Cada domingo o Auditorio Municipal de Ourense conta cunha programación deseñada para o público infantil, incluído un ciclo especial para bebés: obras de teatro, monicreques, contacontos, espectáculos musicais e mesmo películas. Tamén a Biblioteca Pública Nodal (rúa Concello), ten actividades pensadas para os pequechos e orientadas á animación á lectura, como xogos, obradoiros club de lectura infantil, contacontos, ludoteca e un espazo propio de lectura para menores de 14 anos.

En Nadal, Ourense acolle a Mostra de Teatro Infantil de Ourense, un evento de longa traxectoria consagrado ás artes escénicas para o pequeno público: teatro de obxecto, monicreques, clowns, maxia…

Se a vosa viaxe coincide nesas datas tampouco deberíades deixar de visitar cos cativos o Belén de Arturo Baltar, un curioso conxunto ecultórico onde poderedes deixar volar a vosa imaxinación.

Outras actividades

Museo Circo de los Muchachos


Un espacio para descubrir este circo, esta cidade e este sono que tivo aos cativos como como protagonistas.
Ver ficha

Benposta, Seixalbo Ver en mapa 600 826 318

piscina remedios ext

Piscinas en Ourense


Imprescindibles cando a calor aperta no verán ourensán.
Ver piscinas

pazolandia

Pazolandia


Cada Nadal, o Pazo dos Deportes Paco Paz convértese no parque infantil de atraccións máis grande de toda Galicia.

Lakatos Paintball


Campo de paintball, tamén para rapaces e rapazas (a partir de 8 anos).

Seixalbo Ver en mapa 660 701 280 – www.lakatospaintball.com

Friki Vila


Sala de escape baseada nunha escola de maxia na que os participantes deberán resolver puzles e acertixos para descubrir o paradeiro do Profesor Mallahan.

Rúa Celso Emilio Ferreiro, 11 Ver en mapa 722 287 614 – escaperoomourense.com