Parque de San Lázaro
Corazón do Ourense moderno, ao seu ao redor organízase a vida económica e comercial. Belísima a súa fonte central, procedente do Mosteiro de Oseira.
Parque que se converteu en epicentro do Ourense moderno; na súa contorna desenvólvese, xunto aos edificios administrativos, a principal actividade comercial e económica da cidade. Outrora foi lugar do hospital de peregrinos ou lazareto, de onde toma o nome, o que indica que se trataba dun lugar apartado do centro urbano. Asociado a el houbo aquí unha capela en honra a San Lázaro, que logo se trasladaría ao barrio do Peliquín. Hoxe atópase aquí a Igrexa dos Franciscanos, trasladada do seu emprazamento orixinal no alto da cidade en 1929.
O parque foi tamén durante algún tempo campo da feira, de extensión considerable. Paseniñamente novos edificios foron reducíndoa, especialmente coa construción do Goberno Civil (hoxe Subdelegación do Goberno) e a Torre de Ourense (Antonio A. Renlein, 1968), durante anos símbolo da cidade. Hoxe ocupa unha planta cadrada distribuída en dous niveis e organizada en rúas con bancos á sombra da abundante vexetación arbórea. No seu centro destaca a monumental fonte barroca, procedente do mosteiro cisterciense de Oseira. Dispón de dúas zonas de xogo infantil separadas por idades.
O parque de San Lázaro é o corazón do Ourense moderno, sempre bulicioso, e con espazos consagrados a algúns personaxes emblemáticos da cidade a través de curiosas estatuas.
O parque concentra un bo número de esculturas, algunhas realmente curiosas. Na parte superior vemos a un particular personaxe de boina negra lendo un xornal: é O Carrabouxo, protagonista da viñeta humorística que desde 1992 publica a diario o debuxante Xosé Lois na prensa local. A escultura é obra de César Lombera (1992).
Na parte inferior atopamos nunha esquina a que homenaxea ao Rallye de Ourense, cos seus promotores sentados sobre o mítico Alpinche (Ramón Conde, 2006). Na outra, un recordo do papel da muller nos oficios tradicionais, unha fermosa Castiñeira, obra de Xosé Cid (2001). No centro, xusto fronte á Subdelegación do Goberno, unha última estatua que destaca pola súa monumentalidade: o Anxo , de Franscico Asorey, datada en 1951.
Ademais, neste parque, co gallo da festividade de San Lázaro ten lugar un dos ritos festivos máis senlleiros da cidade de Ourense, a Queima das Madamitas, no que curiosas figuras de papel xiran a gran velocidade ata estoupar estrepitosamente ante a multitude.