Mercados tradicionais

Ourense conta con varios mercados onde a gastronomía tradicional conflúe coas novidades culinarias, ideais para mercar e degustar as delicias gastronómicas de Galicia.

Se o secreto da gastronomía ourensá é a calidade e frescura das súas materias primas, os lugares para atopalas son sen dúbida as súas Prazas de Abastos, verdadeiros referentes na cidade da alimentación tradicional e o produto de proximidade.

Praza de Abastos Central

Fundada en 1924, a Praza de Abastos central de Ourense atópase a carón da Alameda, nun edificio de tres naves obra do arquitecto Conde Fidalgo. No seu interior é posible atopar postos de carnicería e chacinería, peixerías, queixerías, panaderías, froiterías, tendas delicatessen… mentres que no exterior localízanse as florerías, postos de sementes e plantas, froiterías e tendas de obxectos diversos. Como actualmente o edificio histórico está en obras, o mercado trasladouse a unha carpa na Alameda.
Anexo ao mercado atópase o rianxo, un peculiar espazo no que pequenos produtores acoden a diario a vender o excedente das súas hortas particulares. Non se sabe de certo de onde provén o termo «rianxo»; unha teoría é que fai referencia ao mandil tradicional que as mulleres (as auténticas «rianxeiras») vestían no mercado, amplo abondo para recoller nel as froitas e verduras.

O mercado vólvese especialmente animado as mañás dos sábados, así como os días de mercadillo, é dicir os días 7, 17 e 26 de cada mes (se coinciden en domingo ou festivo pásanse ao seguinte día laboral), nos que a contorna próxima énchese de postos de venda ambulante.

Mercado de Ponte Canedo

Moi preto da Ponte Romana e a 5 minutos da Estación Intermodal atópase o Mercado Ponte Canedo.
Trátase dun edificio de pedra do primeiro terzo do século XX, que tras unha restauración integral reabre as súas portas en setembro de 2024 cun deseño máis actual no interior.

Aquí a tradición dos mercados de abastos intégrase coas últimas tendencias da gastronomía contemporánea, xa que, xunto cos seus postos de produtos gastronómicos (froitería, panadería, confeitería, carnicería, peixería, chacinería e tenda delicatessen), existe unha zona de restauración. Dispón dunha ampla carta, e os visitantes tamén poden solicitar a preparación dos produtos comprados no propio mercado para degustalos in situ. A maiores ofrece un servizo de pulpeira todos os días da semana.

  • Localización: Avenida das Caldas, 6 Ver en mapa
  • Horario postos: Luns a venres: 08.00-15.00 h. Sábados: 09.00-15.00 h (algúns mesmo tardes e domingos)
  • Horario restauración: Luns a venres: 07.00-23.00 h. Sábados, domingos, festivos e vésperas de festivo: 07.00-01.00 h
  • Horario pulpeira: Todos os días: 12.30-15.30 h

Ambos os mercados acollen diversas actividades culturais e gastronómicas (degustacións, degustacións, etc.), co obxectivo de converterse en puntos de encontro e referentes culturais da cidade. Podes consultar estas e outras actividades na nosa Axenda.

Que mercar nos mercados de Ourense

  • Carne galega, que é das máis selectas do mundo. A praza abastécese de municipios rurais das proximidades onde o gando aínda se cría de forma tradicional, alimentado só con pasto. As carnes máis comúns son o vacún, as aves, a caza e o porco, auténtico protagonista nas mesas festivas dos Magostos ou o Entroido. Ademais, na praza teredes a oportunidade de abastecervos de todo o necesario para preparar un auténtico cocido galego.
  • Peixe e marisco fresco, pois xa que Ourense se atopa a menos de 100 km do principal porto pesqueiro de Europa, este produto chega á praza nunha condicións de frescura e calidade inmellorables. É de destacar o bacallau e, por suposto, o polbo: o da praza foi o que tradicionalmente elixiron as pulpeiras de Ourense e O Carballiño para prover os seus postos.
  • O pan, do que atoparedes múltiples preparacións, incluíndo o coñecidísimo (e saboroso) pan de Cea. Por non falar das famosas empanadas ourensás, recheas de carne, zorza, berberechos, atún…
  • Doces e sobremesas típicas da repostería galega como rosquillas, bicas, tortas de Santiago e de San Martiño, entre outros moitos produtos que fan as delicias dos máis lambóns.
  • Os queixos, dos que veredes numerosas variedades. Non vos vaiades sen probar o queixo cremoso do país, que cativará os vosos padais.
  • Froitas e hortalizas, de proximidade e tempada. Patacas, grelos, tomates, pementos, castañas… unha ampla variedade para que non falte de nada na vosa mesa.
  • Viños e licores. Na provincia de Ourense existen 4 Denominacións de Orixe: Ribeiro (unha das máis antigas de España), Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra. Entre as variedades de uva destacan godello e treixadura entre as brancas e mencía entre as tintas. En Ourense existe tamén unha gran tradición licoreira: o licor café e o augardente de herbas son algúns dos exemplos.
  • Produtos delicatessen e gourmet. Nos mercados tamén se poden atopar selectos produtos locais como o marrón glacé, conservas, mel, aceites, embutidos…
  • Flores e plantas, todo o que se precisa para quedar ben ou simplemente darse un capricho. Moi recomendable é visitar a praza en datas sinaladas coma o 1 de novembro (festividade de Todos os Santos) ou o 13 de maio (Virxe de Fátima), cando un auténtico mar de flores e pétalos a asolaga por completo.

Mercadillos, rastros e feiras en Ourense

As mañás dos días 7, 17 e 26 de cada mes*, na contorna da Praza de Abastos e do Parque Barbaña localízase un mercadillo de venda ambulante que acolle numerosos postos de alimentación, téxtil, roupa, enxoval e baratixas. Ao mesmo tempo as mañás dos días 7 e 17*, no recinto do Campo da Feira sitúanse varias pulpeiras e postos culinarios que ofrecen os pratos típicos das feiras tradicionais en Galicia, nas que o polbo á feira é o protagonista.

*Ollo, se estas datas coinciden a domingo ou festivo trasládanse ao seguinte día laborable.

Doutra banda, o primeiro domingo de cada mes, a Praza Maior e as rúas próximas acollen un rastro de antigüidades, onde se poden atopar obxectos antigos e de segunda man en grao sumo variado: libros, decoración, roupa, discos, moedas, selos…