Ademais de capital termal, Ourense é capital da moda. Tanto o deseño como a confección ocupan un lugar importante na súa actividade económica. Adóitase dicir que hai aquí unha tendencia a vestir ben e á elegancia que van máis aló das aparencias, e quizais sexa certo: a cidade foi berce dunha escola importante de deseñadores e modistos entre os que destacan nomes como Adolfo Domínguez ou Roberto Verino.

Artesanía

Máis aló da moda, na cidade sitúanse tamén interesantes obradoiros de artesanía. A rúa Colón, tradicionalmente unha das máis importantes da cidade antiga e que sempre albergou bo número de comercios, volveu gañar peso nos últimos anos grazas ao labor da Asociación de Artesáns de Ourense, rehabilitando diversos locais nos que se tentou conciliar a iniciativa comercial cos oficios tradicionais. Nela pódense atopar tendas dedicadas á ourivaría, a cerámica, o traballo en coiro e mesmo encantadoras xogueterías tradicionais. Os artesáns expoñen produtos dos seus propios obradoiros e colaboradores.

Capital da moda

A moitos visitantes sorpréndeos a importante oferta en moda e complementos que atopan en Ourense. As rúas do centro, coma Paseo, Santo Domingo, Paz e arredores son auténticos centros comerciais ao aire libre en cuxos escaparate atoparedes firmas de primeira liña nacionais e internacionais: Gucci, Jimmy Choo, Desigual, Dolores Promesas, Rosa Clará, Adolfo Domínguez, Purificación García, Roberto Verino (non perdades o seu local no Paseo, metade tenda metade galería de arte), Carolina Herrera… Non en balde, os catro últimos teñen en Ourense os seus principais centros de produción, o que nos dá unha idea do peso que o sector téxtil ten na cidade.

Esta tradición deu lugar a unha nova xeración de novos deseñadores e pequenas boutiques de gusto excelente, con propostas atrevidas e innovadoras que farán as delicias dos máis fashionistas. 

Arterias comerciais

Ourense apostou sempre por un comercio urbano de calidade e moi vivo. Ademais do Centro Comercial Ponte Vella e os establecementos do centro (CCA Ourense Centro), nos barrios hai tamén un importante tecido comercial que non deberiades perder, especialmente no Couto e A Ponte. Neste pequeno comercio de proximidade non só atoparedes bos produtos locais e o mellor servizo, senón que tamén poderedes gozar da riqueza arquitectónica e paisaxística da cidade mentres facedes as vosas compras dando un cómodo paseo.