Ourense non se entende sen a auga: a dos seus ríos e regatos, a da choiva, a que xoga nas fontes do seu Casco Antigo e moi especialmente as súas augas termais mineromedicinais. Baixo a cidade discorre un océano formado nas profundidades da terra, en acuíferos a máis de 1 km de profundidade, e que brota á superficie cun caudal de entre 3 e 4 millóns de litros ao día, un dos máis altos de Europa.
A tradición do baño termal acompaña a cidade desde as súas orixes, e aínda segue a practicarse nas numerosas instalacións dispoñibles: termas históricas, piscinas en plena natureza, pequenos balnearios inspirados polo afastado oriente…
As nosas augas son fonte de saúde, beleza e benestar: consenten a pel, polo que están indicadas para problemas dermatolóxicos, e son ademais unha forma magnífica de descontraer os músculos, sendo moi útiles á hora de tratar reumatismos, contracturas, etc.
As augas termais de Ourense son un recurso único, un dos máis valorados polos visitantes… e a ti, como che apetece gozalas?
O termalismo en Ourense ten máis de dous mil anos de historia e comeza nos mananciais das Burgas. Os primeiros poboadores romanos levantaron aquí edificios para o culto e goce destas augas, iniciando unha tradición que chega até os nosos días.
A arteria verde da cidade concentra numerosos espazos termais onde descansar e desconectar da rutina.
Todo o que necesitas saber para gozar ao máximo dun baño termal en Ourense.