Festa de San Lázaro

A festa de San Lázaro, coa súa senlleira Queima de Madamitas, serve de preludio para as celebracións de Semana Santa en Ourense.

Unha semana antes de Semana Santa, concretamente o domingo anterior ao Domingo de Ramos, a cidade de Ourense conmemora a festa de San Lázaro.

A orixe desta celebración, así como o nome do parque que a acolle, remóntanse á Idade Media, época na que este espazo acollía un lazareto. Hoxe en día esta zona ocúpana uns coquetos xardíns de estilo inglés que se converteron no lugar máis céntrico da cidade: o parque de San Lázaro.

Durante esa fin de semana, a contorna deste parque énchese de postos de doces e froitos secos, en especial rosquillas e avelás. O domingo ao mediodía, tras a celebración da misa e unha procesión amenizada con gaiteiros, xigantes e cabezudos, ten lugar un singular rito: a Queima das Madamitas.

A Queima das Madamitas

Este acto está protagonizado por unhas vistosas figuras articuladas feitas de papel e recheas de pólvora, coñecidas como madamitas. Teñen formas humanas moi variadas, que habitualmente inclúen algunha profesión como os afiadores. Colocadas sobre unha peana, préndeselles lume para que empecen a virar e a moverse a gran velocidade até acabar explotando estrepitosamente.

A orixe das madamitas é incerto, aínda que hai quen a atribúe a ritos pagáns que celebraban a chegada da primavera. O certo é que as primeiras referencias remóntanse ao século XIII, época de frecuentes pestes e epidemias, nas que se queimaban unhas figuras en honra ao santo. Hoxe en día a Queima das Madamitas converteuse nun momento de gran expectación entre os máis cativos da casa. Ademais, tamén é o preludio das celebracións da Semana Santa en Ourense e da chegada da primavera, que ten o seu maior expoñente na festa dos Maios, declarada de Interese Turístico.

Compartir