Os Maios, Festa de Interese Turístico

Festa declarada de interese turístico que dá a benvida á primavera.

A primavera en Ourense ten un encanto especial, xa que empezan as suaves temperaturas, os días fanse máis Longos e a natureza acada todo o seu esplendor. Precisamente a natureza é a protagonista das celebracións coas que a cidade dá a benvida a esta estación: a festa dos Maios, que foi declarada Festa de Interese Turístico en Galicia.

OS MAIOS, ESCULTURAS NATURAIS

Durante a mañá do primeiro domingo do mes de maio, as rúas do centro histórico de Ourense énchense de cores e alegría coa aparición dos maios, unhas singulares esculturas vexetais realizadas a man e creadas expresamente para esa día.

O seu armazón está composto de tea e madeira, pero o seu exterior está profusamente decorado con brión, follas e flores silvestres dos montes veciños, no que non poden faltar os emblemáticos colares de carrabouxos. A tradición manda que todo estea cosido a man, infundindo un carácter único a cada peza.



Tendo lugar o primeiro domingo do mes de maio, esta festa anuncia o esplendor das flores e a despedida do cru inverno. De orixe incerta, o rito celébrase desde tempos moi remotos en varios lugares de Galicia, aínda que en Ourense ten un carácter senlleiro e particular.

As creacións máis tradicionais superan o metro e medio de altura, e poden ser cónicas ou piramidais, evocando as siluetas do monte, aínda que tamén existen cruceiros que lles infunden un aire cristián a estas figuras de orixe pagá. Actualmente pódense atopar maios máis artísticos, de temática libre, que van desde personaxes e escenas tradicionais ata monumentos ou mesmo temas de rigorosa actualidade. A imaxinación manda, en especial cando se compite por algún dos premios que ofrece o Concello de Ourense ás mellores creacións.

AS COPLAS DOS MAIOS

Cativos e adultos custodian os seus maios e acompañan as súas creacións co canto das coplas, as cales a tradición manda vender a cambio dun aguinaldo.

Trátase de estrofas de catro versos que normalmente replican a melodía tradicional, específica desta celebración. Rima segundo con cuarto, e o primeiro verso de cada estrofa recolle o final do anterior. Todas as coplas teñen que empezar saudando ao maio e acaban coa despedida. Ademais, presentan unha temática satírica que cambia cada ano, centrándose na actualidade política e social, amosando a famosa retranca galega.

Os Maios son, sen dúbida, unha das tradicións máis arraigadas e coloridas de Ourense e garanten un día de festa e diversión para todos. A xornada festiva tamén está amenizada polos desfiles de cabezudos acompañados con música de gaiteiros. Ademais, nese mesmo día, por ser o primeiro domingo do mes, a Praza Maior acolle o mercado de antigüidades, un rastro con cheiro a vello que namorará a curiosos e nostálxicos: mobles, cerámica, filatelia, numismática…

As actividades culturais e de ocio como a Feira de Artesanía, o Festival de Jazz de Primavera, a Mostra de Teatro Universitario ou o Concurso de Pinchos de Primavera florecen nesta época, convertendo a cidade de Ourense nun destino ideal para unha escapada en primavera.

PROGRAMACIÓN OS MAIOS 2024

Alfombra Floral | Praza de Santa Eufemia | Desde as 08:30h
Confección dunha alfombra floral pola Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas.

Obradoiro de coronas floraisPraza Maior (carpa e soportais) | Desde as 10:30h
Confección en vivo de coroas e colares para os máis cativos.

Exposición de Maios | Praza Maior (carpa e soportais) | Desde as 11:00h
Exposición dos maios participantes e cantos de coplas

Ruada musical | Praza Maior (carpa e soportais) o | Desde as 11:00h
Ruada con xigantes e cabezudos do Concello acompañados de gaiteiros tradicionais.

Canto de coplas | Praza Maior (carpa e soportais) | 12:00h
Inicio do canto das coplas xunto aos maios participantes no concurso.

Entrega de premios | Praza Maior | 19:00h
Entrega de premios aos maios e canto das coplas gañadoras.

Concerto de María do Ceo | Praza Maior | 20:00h
Concerto de fados con María do Ceo.

Compartir

Calendario de festas
Calendario de festas

Ler máis

Ourense, Capital do Entroido de Galicia

Prepárate para vivir o Entroido de Ourense; só é preciso traer moitas ganas de pasalo ben.

Prepárate para vivir o Entroido de Ourense; só é preciso traer moitas ganas de pasalo ben.

Ler máis

Axenda

Axenda de eventos para que goces do ocio e a cultura en Ourense.

Axenda de eventos para que goces do ocio e a cultura en Ourense.

Ler máis