Jardín del Posío

Xardín do Posío

Antigo xardín botánico no que é fácil atoparse con algún pavo real, os habitantes máis distinguidos deste parque.

Parque urbano cercado no que se atopan árbores pouco habituais por estas latitudes: foi na súa orixe un xardín botánico, creado a mediados do século XIX polos profesores do veciño Instituto Otero Pedrayo (antigo Instituto de Segundo Ensino), que o equiparon con árbores e plantas traídas do Xardín Botánico de Madrid. Chegou a reunir até 200 especies.

O recinto, antigamente un campo comunal, conserva un fermoso peche forxado e portas con vasos. Está estruturado en  tres niveis ou terrazas: a superior (en orixe, o bosque) destaca polo seu denso arboledo e é lugar para xogos infantís; a central está ocupada polo tradicional paseo; e a inferior conta cun xardín centrado por un paseo de palmeiras, unha frondosa rosaleda, fonte e estanque. Seguramente algún pavo real nos guiará no noso percorrido.

O paseo central destes xardíns é un tradicional punto de encontro na cidade, onde é habitual que se programen moitos dos grandes concertos das Festas. Conta tamén cunha cafetaría con terrazas para descansar á sombra das bananeiras.

No xardín inferior, o que mellor conservou os antigos aires de botánico, atopamos dúas esculturas que renden homenaxe a senllos escritores galegos. O artista Francisco Asorey asina a que está dedicada a Xavier Prado «Lameiro» en 1944, mentres que a segunda lembra a Valentín Lamas Carvajal e é obra conxunta de Manuel Pascual (busto) e Antonio Faílde (figuras con personaxes rurais).

Outrora, na marxe do lateral sur, atopábase a ermida da Nosa Señora do Posío, destruída ao construír a rúa Coruña. A imaxe de gran devoción popular trasladouse a un nicho próximo á fonte das Burgas.