Piscina termal das Burgas

Rúa das Burgas, S/N, 32005

Temporalmente pechado

Unha piscina ao aire libre onde gozar dunha experiencia termal única, rodeada por dous mil anos de historia.

ACTUALIDADE: Instalacións temporalmente pechadas. Consulta as termas abertas para o baño nesta ligazón.

Esta instalación termal no corazón do Centro Histórico de Ourense é única na Península: unha lámina de case 200 m2 de auga termal ao aire libre que nos permite gozar dun baño incomparable contemplando a arte, a historia e os monumentos que nos rodean.

A piscina termal é a mellor forma de descubrir os mananciais das Burgas, emblema de Ourense, cuxa auga a máis de 60º C foi utilizada durante séculos con fins terapeúticos, relixiosos e tamén lúdicos. Nela pódense experimentar en primeira persoa as mesmas sensacións que gozaron os primeiros poboadores romanos de Ourense, que construíron xusto a carón desta piscina a súa propia casa de baños, unha balnea cuxos restos se poden visitar despois.

Nesta instalación a auga arrefríase até os 38-40º C, permitindo o baño perfecto en calquera época do ano, nun espazo para a relaxación e o benestar. As augas son de mineralización media, alcalinas e litínicas, propiedades que coidan a pel e destensan os músculos.

A piscina termal das Burgas é de acceso gratuíto e conta con vestiarios e consignas para gardar pertenzas (é preciso levar candado). Non se admiten visitas media hora antes do peche das instalacións.

Ademais do baño, na piscina termal das Burgas tamén é posible gozar da súa sauna húmida ou descansar ao sol na súa terraza, completando unha experiencia que engancha: quen proba, sempre repite.

CARACTERIZACIÓN DO MANANCIAL

Composición química: augas hipertermais de mineralización media, fluorada con ións predominantes de bicarbonato y sodio, moi brandas

Contraindicacións: hipertensión, hipotensión, afeccións cardíacas e embarazo. Consulte co seu médico antes de utilizar as instalacións.

Temperatura de manancial: 64,2ºC (Burga de arriba)

PH: 7.7

Xunto con esta piscina termal, nas Burgas poderás atopar as fontes monumentais (emblema da cidadr de Ourense), os restos arqueolóxicos da época romana, así como un Centro de Interpretación que explica a súa historia.