Augas termais: ciencia e lenda

A presenza de fontes termais fascinou sempre ao ser humano, que durante séculos inventou lendas e mitos que explicasen este fenómeno.

A abundante presenza de augas termais en Ourense é un feito que sempre influíu na vida e configuración da cidade, sendo durante séculos orixe de lendas e mitos cos que os nosos devanceiros tentaron explicar que brotase auga quente das entrañas da terra.

Na actualidade os estudos xeolóxicos estiman máis de 70 surxencias termais en Ourense, cun caudal superior ao tres millóns de litros diarios, unha cantidade que en Europa só supera Budapest. O fenómeno débese á composición granítica do chan, cheo de fracturas por onde se filtra a auga da choiva até varios quilómetros de profundidade. É alí abaixo onde se quenta a auga que logo, ao manar á superficie por xogos de presións, vai adquirindo as propiedades minerais destas rochas.

Sexa como for, fixeron falla séculos de ciencia para chegar a esta conclusión, e a tradición foi pródiga en orixinais explicacións, especialmente sobre os mananciais das Burgas, coñecidos e explotados desde tempos remotos. Falábase dun volcán baixo a próxima montaña de Montealegre, que algún día habería de explotar por obra do diaño, levándose consigo a cidade; ou que proviñan dos pés do Santo Cristo, na Catedral, feito que «explicaría» as súas bondades terapéuticas.

De feito, o carácter sacro das augas das Burgas foi unha constante na historia, e mantense en certa forma, como lembra o nicho coa Virxe do Posío que hoxe se atopa nos seus xardíns. A primeira ara romana atopada na zona no século XIX confirmou o culto ás ninfas dos mananciais. As escavacións seguintes, xa no século XX, ampliarían o espectro ao presentar o nome de Revve Anabaraego, unha deidade prerromana á que, antes das ninfas, tamén se lle dedicaron numerosas aras. Hoxe pódense visitar na zona os restos da piscina-santuario levantada na súa honra no século I d.C, testemuño de que en tempos da ocupación romana este era un espazo central de culto cuxa fama traspasaba os límites do asentamento.

É probable que os mananciais que afloran nas beiras do Miño fosen tamén obxecto de contos e lendas, aínda que apenas queda constancia delas. No entanto, quedou no recordo o nome de Ana Manana, un ser fantástico con aparencia de muller de gran fermosura que habitaba nas fontes do pozo Maimón, enfronte da zona termal de Outariz.